Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Xornadas de tres proxectos de cooperación

De Bitácoras do mar, RIMARTES e Un mar en común

Os proxectos de cooperación nos que participamos continúan a súa andaina. O venres 22 de abril, Bitácoras do mar organizou un parladoiro do proxecto no territorio do GALP Costa Sostible para reflexionar conxuntamente do desenvolvemento sostible das zonas costeiras. Tivo lugar no Hotel Meiga do Mar.

Os Parladoiros das Bitácoras son actividades deseñadas en cada un dos territorios promotores do proxecto para favorecer a reflexión conxunta, abordando o impacto global e a transversalidade dos fondos. Tras a xornada no Costa Sostible, o Golfo Ártabro Norte acollerá o venres 6 de maio outra para tratar os retos da costa galega no referente á economía azul e o Pacto Verde. O xoves 12 de maio, no territorio do GALP Ría de Arousa falaremos de identidade das comunidades pesqueiras e de que “é iso de ser de costa”.

En xuño, o venres 10 no GALP Ría de Pontevedra afondaremos no modelo de gobernanza das zonas costeiras de Galicia e xa o venres 17 será a nosa quenda para falar do produto pesqueiro, consumo e innovación.

Pola súa banda, o proxecto de turismo experiencial RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo tamén convocou unha reunión sectorial o luns 25 abril no Nordés Club Empresarial para presentación da iniciativa ao sector hostaleiro do territorio. O obxectivo foi establecer posibles sinerxias co proxecto en si e, en concreto, cos centros de mergullo colaboradores de RIMARTES que, na nosa zona, son Buceo Galicia, Deepteam Coruña e Nauga, todos con sede na cidade Coruña.

Tras unha primeira fase centrada na documentación e catalogación de case medio centro de pecios de gran valor histórico entre Bergondo e Porto do Son ou na promoción na feira internacional FITUR da man de Turgalicia, neste 2022 continúa coa fase de edición de material divulgativo como son as rutas emocionais, o folleto e os carteis do proxecto ou a comunicación a través de redes sociais e dunha web propia ou a organización do I Campionato de foto submarina en pecios, entre outras accións estratéxicas que se anunciarán en breve.

Xa por último, no marco do proxecto Un mar en comúnasistimos ao obradoiro de xestión comunicativa co experto consultor en comunicación Roberto Pérez Marijuán. Durante a sesión, xunto co resto de GALPs promotores, o GALP A Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte e o Ría de Pontevedra, tomamos nota das claves para mellorar as capacidades comunicativas orais (comprender o noso estilo de comunicación e como sacarlle o maior partido, adaptar a nosa capacidade de argumentación oral ao público obxectivo, transmitir ideas con maior claridade, etc.).

Desde o GALP Golfo Ártabro Sur informaremos de todas as actividades que se realizarán no noso territorio no mes de xuño.