Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Ampla participación das beneficiarias de axuda na avaliación intermedia do GALP Golfo Ártabro Norte.

Reunión con beneficiarias do Programa de axudas FEMP no Golfo Ártabro Norte
  • Onte celebrouse en Miño a primeira reunión da avaliación intermedia, á cal asistiron preto de 30 persoas beneficiarias e interesadas nas axudas do FEMP.
  • O vindeiro martes día 22 de outubro celebraranse as mesas sectoriais de traballo, dirixidas ás entidades socias do GALP.

O martes 15 de outubro tivo lugar en Miño a reunión con beneficiarias do programa de axudas para facer a avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP Golfo Ártabro Norte.

Esta xuntanza enmárcase no proceso participativo que está desenvolvendo o GALP para a avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no cal colabora coa Consellería do Mar para a súa posta en marcha.

Nesta reunión asistiron ao redor de trinta persoas que tiveron axuda do programa para a posta en marcha dos seus proxectos. Acudiron tamén persoas interesadas na presentación de proxectos, as cales fixeron unha valoración positiva da aprendizaxe que supuxo a reunión. Contouse coa participación de confrarías da zona, peixerías, vendedores do mercado, responsables de negocios de servizos para o sector e do ámbito do turismo, entre outros.

No desenvolvemento da reunión presentáronse os datos de execución financeira dende o comezo do programa no ano 2016 ata a actualidade. Destacouse a importante subida que experimentou o GALP na xestión de proxectos nas convocatorias de marzo e setembro deste ano, esta última, aínda pendente de resolución por parte da Consellería do Mar. Nesta zona, o programa do FEMP puxo a disposición dos promotores de proxectos, máis de 2,3 millóns de euros, o que supón a metade do orzamento que ten o GALP para axudas a proxectos.

No debate celebrado destacouse a importancia que ten este tipo de Fondos para dinamizar zonas costeiras como a do Golfo Ártabro Norte, contribuíndo deste xeito a mellorar o emprego e o seu dinamismo económico.

Este territorio ten un alto potencial que pode ser posto en valor a través de ferramentas como este Fondo.

Sinalouse a necesidade de impulsar ao sector pesqueiro, incidindo na promoción de iniciativas que poñan en valor os recursos, ao sector, e ao conxunto de empresas que traballan vinculadas ao mesmo.

Tamén se fixo unha valoración moi positiva do traballo que se desenvolve dende o GALP na atención ás persoas e entidades interesadas no programa de axudas.

O próximo martes día 22 de outubro terán lugar en Miño as reunións das mesas sectoriais, destinadas a recoller a opinión das entidades socias do GALP. Ás 12:00 horas será a reunión do sector público, ás 17:00 a do sector pesqueiro e ás 19:00 a de entidades sociais e empresariais.

Para máis información contactar con:

GALP Golfo Ártabro Norte.  Toni Fernández (xerente) 636 736 788 // 981784 417