Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra promove novas experiencias de turismo mariñeiro e pescaturismo xurdidas do proxecto Mar e Rías: Pesca & Turismo

  • As iniciativas achegan propostas vinculadas á pesca, ao marisqueo e á cultura mariñeira a través das persoas que viven e traballan no mar

O territorio do GALP Ría de Pontevedra contará con diferentes experiencias de turismo mariñeiro e pescaturismo xurdidas no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia.

As iniciativas parten do traballo desenvolvido durante o proxecto e das accións formativas realizadas no ámbito do turismo mariñeiro e o pescaturismo. A través delas, diferentes profesionais vinculados ao mar desenvolveron propostas propias para compartir os seus coñecementos, a súa actividade e a realidade dos territorios costeiros desde unha perspectiva próxima e vinculada ao día a día do sector.

No territorio do GALP Ría de Pontevedra desenvolveranse catro experiencias que amosan a diversidade de actividades e recursos vinculados ao mar na zona.

Unha delas é Turismo Mariñeiro Mulleres do Mar de Poio, unha proposta vinculada á actividade marisqueira nos areais de Poio. A experiencia permitirá achegarse ao traballo relacionado co marisqueo e á realidade das persoas que desenvolven a súa actividade profesional no territorio.

Tamén forma parte destas iniciativas Pescaturismo Campelo-Combarro, unha proposta que permitirá coñecer desde o mar a actividade pesqueira desenvolvida nesta contorna e achegarse ao traballo diario dos profesionais que saen a faenar desde o porto de Combarro. Contará coa participación de Iago Tomé, patrón maior de Raxó, e do seu fillo Iago Tomé Jr., a bordo do barco Abuelo Sebas.

En Sanxenxo, a iniciativa Salitre-Pescaturismo Sanxenxo, desenvolvida por Leticia Vázquez a bordo do Uru Dous, propón coñecer de primeira man a actividade pesqueira e a relación das comunidades costeiras co mar.

A cuarta experiencia desenvolverase en Lourizán, en Pontevedra, e estará centrada tamén no marisqueo. A actividade adaptarase ás condicións da marea e ás características da actividade.

As experiencias de turismo mariñeiro contarán con prazas para as persoas interesadas en participar. Para solicitar información e realizar a inscrición, será necesario contactar ao teléfono 618 320 033.

No caso das experiencias de pescaturismo, a participación estará dirixida a persoas previamente seleccionadas, co obxectivo de avaliar o desenvolvemento das actividades e recompilar información que permita analizar e comunicar os resultados destas experiencias.

Un dos obxectivos desta fase é tamén testar e demostrar a accesibilidade das propostas a diferentes públicos e, especialmente, ás persoas con diversidade funcional. Por este motivo, procurarase contar coa participación de diferentes colectivos e persoas con necesidades específicas, co fin de identificar posibles barreiras e coñecer de primeira man como adaptar as experiencias para favorecer a súa participación.

As catro propostas representan diferentes formas de achegarse ao mar a través das persoas que traballan nel, poñendo en valor coñecementos, oficios, embarcacións e formas de vida vinculadas á actividade marítimo-pesqueira.

Estas experiencias son froito do proceso desenvolvido no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, que busca transformar os coñecementos adquiridos nas accións formativas en iniciativas concretas relacionadas co turismo mariñeiro e o pescaturismo. Cada unha delas parte da realidade do seu territorio e das persoas que están detrás da actividade, dando lugar a propostas diferentes e adaptadas aos recursos da Ría de Pontevedra.

A posta en marcha destas iniciativas contribúe así a explorar novas vías de diversificación vinculadas ao sector pesqueiro, ao mesmo tempo que favorece a posta en valor do patrimonio marítimo-pesqueiro e da cultura mariñeira da Ría de Pontevedra e permite avanzar no deseño de experiencias máis accesibles e inclusivas.

O GALP Ría de Pontevedra, como parte do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo, continúa deste xeito traballando na creación de novas oportunidades arredor do mar e no impulso de experiencias que permitan coñecer e valorar o territorio a través das persoas que o viven e o traballan.