Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Entrevista coa concelleira de Turismo de Poio

O pasado mes de setembro o Museo de Colón de Poio entrou a formar parte da Rede de espazos Museísticos Atlánticos (Pasaporte REMA), integrado no plan Morada Atlántica, unha iniciativa na que participan oito GALPs de Galicia, entre eles o GALP Ría de Pontevedra. Coa súa incorporación xa son tres os espazos da Ría de Pontevedra que forman parte desta rede, xunto co Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo e o Centro de Interpretación da Natureza de Cabo Udra.

Falamos coa concelleira de Turismo do Concello de Poio, Silvia Díaz, para coñecer os motivos que impulsaron esta incorporación á rede, do Museo como espazo singular e referente da teoría do Colón galego.

Para aqueles que non os saiban, o Museo de Colón de Poio cumpre unha década.

Si, O Museo de Colón celebra este mes de novembro o décimo aniversario da súa inauguración. Hai preparada toda unha programación de actividades en conxunto coa Asociación Galicia Histórica. Farase un acto institucional o propio día 23, unha exposición e hai programadas tres conferencias.

Por que decidiu o concello sumar o museo á rede Pasaporte REMA?

Tras dez anos pensamos que era o momento de dar un salto cualitativo, queríamos darlle un pulo ao museo. Cando vimos a oportunidade de adherirnos a esta rede de espazos museísticos decidimos aproveitala.

Grazas á rede facilitarase o (re)coñecemento do museo?
Nós facemos un esforzo por difundir a existencia do Museo, as actividades e servizos que ofrecemos, pero dende logo estar dentro da rede vaille dar máis visibilidade e difusión.

Cada ano hai máis visitantes?
Cada ano medra o número de visitas, o interese da xente cada vez é maior.

O Museo xorde da teoría do Colón galego. A xente sorpréndese cando visita o museo e descobre esta teoría?
A verdade é que somos nós os que nos sorprendemos do interesante e atractiva que lle resulta á xente a teoría de que a orixe de Colón, o seu lugar natal, puidera estar en Poio. Sempre escoitamos que se lle atribúe ser xenovés pero a teoría do Colón galego é algo que Celso García de la Riega presentou na Sociedade Xeográfica Nacional o século pasado. Para a xente resulta algo rompedor e novo pero o certo é que a teoría está moi fundamentada, conta con moitos datos históricos, está ben construida e leva décadas desenvolvéndose e moitos investigadores contribuiron achegando documentación.

Cristóbal Colón é unha personaxe histórica dunha transcendencia que non fai falta definir, cambiou o curso e desenvolvemento do mundo, a dimensión da personaxe é enorme e esta teoría resúltalle novidosa e interesante á xente.

Como se enfocou este museo tendo en conta esa transcendencia da personaxe histórica?
Dende o principio como museo o que temos son vestixios da casa natal de Colón e non había unha grande cantidade, estamos falando dunha casa de máis de cincocentos anos. O contido do museo quixemos enfocalo sempre cara a importancia que tivo para a navegación e o coñecemento do noso concello fai cinco séculos. Cara a relevancia que tiña que ter a navegación e o mundo do mar naquela época como para que de un concello como o noso saíra o navegante máis coñecido da historia. Non quixemos nunca que esa perspectiva quedase eclipsada por outras cousas; quixemos que a navegación tivese un protagonismo importante como a relación de Galicia con América, nesas viaxes de ida e volta.

Pero non todo é o museo, en Poio hai algo máis relacionado con América que pode atraer o interese dos visitantes.
Dende o punto de vista turístico o Museo de Colón ten un complemento que resulta moi atractivo: o bosque das sequoias. O Museo é un espazo pequeno porque é a casa natal de Colón. Ten unha superficie pequena. Realmente son dúas construcións, dúas casas antigas; unha é onde a teoría defende que naceu Colón e outra casa é onde temos a biblioteca con toda a documentación sobre a teoría do Colón galego. Entre esas dúas vivendas antigas fíxose a nova construción no 2010 obra do arquitecto Enrique Barreiro e que acolle o museo. O pai deste arquitecto ten moita importancia porque no 1927 fixo a primeira película española en cor, trátase dun filme mudo titulado sequi, que é unha das películas que proxectamos en bucle no museo.

A visita guiada dura aproximadamente unha hora, así que o museo ten un complemento: un bosque de sequoias que o Congreso dos Estados Unidos doou ao concello. É un espazo natural moi importante que usamos como atractivo turístico para complementar a visita ao museo. A xente, despois de abrir os ollos cando lles dis que Colón naceu aquí, pode visitar un dos bosques de sequoias máis grandes de Europa. Este bosque foi un agasallo do ano 1992, pódese ver a acta do Congreso americano asinada por George Bush pai na que agasallan estas árbores para conmemorar o Quinto Centenario do descubrimento de América. Á xente chámalle a atención porque parece unha proba máis de que Colón naceu aquí. Dentro dos actos do Quinto Centenario, Poio tamén tivo o seu protagonismo. O bosque é un espazo natural, de lecer, rechamante tamén porque é singular en Europa e está moi interesante.

CARTEL EXPOSICIÓN

PROGRAMA X ANIVERSARIO