
- O proxecto reúne en Ribeira ao sector pesqueiro, administracións, centros de formación, empresas e alumnado.

A Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira acolleu o pasado xoves a Xornada Técnica do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, unha iniciativa impulsada polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, en colaboración co GALP do País Vasco e financiada pola Consellería do Mar e o FEMPA.
Máis de 85 persoas se deron cita nun encontro que reuniu representantes da administración, entidades do sector pesqueiro e acuícola, organizacións profesionais, centros educativos marítimo-pesqueiros, alumnado e profesionais do mar, arredor dun dos principais retos do sector: garantir o relevo xeracional e asegurar o futuro das profesións vinculadas ao mar.
A xornada contou coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña; da alcaldesa do Concello de Ribeira, María José Sampedro Fernández; de representantes da Consellería do Mar, da Consellería de Educación, da Federación Galega e Nacional de Confrarías de Pescadores, dos GALP de Galicia e do País Vasco, así como de centros de formación marítimo-pesqueira, organizacións profesionais, empresas do sector pesqueiro e acuícola, alumnado e profesionais do mar. Durante o encontro abordáronse cuestións clave como:
- a Formación Profesional Dual no ámbito marítimo-pesqueiro,
- as oportunidades laborais e formativas do sector,
- as axudas e medidas de apoio ao relevo xeracional,
- experiencias de éxito desenvolvidas en Galicia, no resto do Estado e en Europa,
- e exemplos reais de boas prácticas impulsadas por empresas e profesionais do mar.

Durante a xornada puxéronse sobre a mesa cuestións como as formas de incentivar á mocidade, as titulacións que se ofrecen en Galicia en materia marítimopesqueira, as axudas ao sector en relación á acollida de estudantes en formación, entre outros, destacándose a importancia de traballar conxuntamente en prol dese relevo. A convocatoria consolidouse como un espazo de encontro, diálogo e intercambio de experiencias.
No evento déronse a coñecer cinco das oito pílulas audiovisuais que serán elaboradas no marco do proxecto a fin de contribuir á súa difusión a través de medios polos que chegar a unha maior diversidade de público. As persoas protagonistas das mesmas son traballadoras en activo do sector que destacan o positivo do seu oficio e como llelo recomendarían a outros. O encontró rematou coa degustación dun pincho conformado por produtos pesqueiros con representación dos oito territorios GALP.
Desde a organización faise unha valoración moi positiva da xornada, destacando o interese amosado polas diferentes entidades participantes e asistentes e sobre todo polo sector pesqueiro entorno aos temas abordados e agradece a súa asistencia e participación.
O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” continuará desenvolvendo acción ata final de ano entre as que se encontran os embarques que o alumnado realizará co sector pesqueiro, unha estancia na illa de Ons, unha visita de estudo ao País Vasco ou a participación na feira EDUGAL no mes de outubro.

