Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Os máis xoves coñecen o impacto positivo do GALP no crecemento económico da contorna da Ría

Preto de 50 nenos e nenas visitaron este martes o Porto de Marín e as instalacións da empresa Rosa de los Vientos

O alumnado de cuarto de primaria do CEIP A Pedra de Bueu está inmerso nun proxecto sobre o sector produtivo do mar con especial interese no papel que xogan as mulleres no mesmo. Como parte deste proxecto, esta mañá visitaron o Porto de Marín e as instalacións da empresa frigorífica Rosa de los Vientos. Durante a súa visita, os rapaces e rapazas tiveron ocasión de coñecer o funcionamento e importancia do Porto de Marín grazas á responsable de comunicación da Autoridade Portuaria, María García Eyo, quen lles explicou a función do porto como distribuidor e receptor de mercadorías. Tras esta primeira toma de contacto coa realidade portuaria, a presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez, faloulles sobre o traballo das mariscadoras poñendo especial énfase no valor do traballo artesanal, na loita constante contra o furtivismo e na importancia da correcta etiquetaxe dos produtos pesqueiros e marisqueiros. Pola súa banda, a intervención da xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, centrouse en explicar aos rapaces e rapazas como a xestión dos recursos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) permite o desenvolvemento e a dinamización socioeconómica da zona marítimo-pesqueira da Ría e a súa área de influencia, sendo a empresa frigorífica Rosa de los Vientos un dos mellores exemplos. Nieto aproveitou a súa intervención para mostrar outros proxectos financiados polo GALP Ría de Pontevedra incidindo nos aspectos sostibles dos mesmos. Nieto recordou a boa recepción entre os escolares do proxecto ‘Amar o Mar, Ría de Pontevedra sen plásticos’ que fomentaba o coñecemento, a través da ciencia, das praias como patrimonio natural e cultural e buscaba concienciar á cidadanía da importancia da súa conservación, facendo fincapé na incidencia da contaminación mariña por plásticos. Tras a charla, os participantes na visita percorreron o Porto de Marín para coñecer os puntos máis relevantes e o día a día dunha das infraestruturas fundamentais da Ría de Pontevedra.

Xa para rematar, o alumnado foi recibido por Pilar Otero nas instalacións da empresa Rosa de los Vientos, onde lles explicaron os procesos de elaboración dos seus produtos. Esta empresa familiar fundada en 1992 puxo en marcha dous proxectos ao amparo das axudas concedidas polo GALP Ría de Pontevedra: a oferta de auga de cocción do polbo para alta cociña e o sistema de envasado ao baleiro do polbo cocido. Ideas innovadoras posibles grazas ao apoio do GALP Ría de Pontevedra que serviron para dar impulso a esta empresa familiar vinculada á Ría de Pontevedra.