Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Peixería Marita: tradición familiar e innovación dende o barrio de Ultramar

Onte continuamos as gravacións do programa de divulgación na Peixería Marita, un establecemento emblemático do barrio de Ultramar, en Ferrol, onde estivemos gravando unha nova xornada do programa de divulgación impulsado polo GALP Golfo Ártabro Norte.

Este negocio familiar está rexido por Marita e o seu home Jose, ambos vencellados ao sector pesqueiro desde hai décadas. Marita, filla de peixeiros, medrou entre mostradores e produto fresco, mantendo viva unha tradición familiar ligada ao mar e ao comercio de proximidade.

A peixería atópase ademais nun momento de renovación e impulso grazas á incorporación da súa filla Andrea, que decidiu regresar ás súas raíces familiares tras exercer durante anos como mestra de inglés. Andrea lidera agora unha nova etapa marcada pola innovación e a adaptación ás novas formas de consumo.

Entre as iniciativas postas en marcha destacan a creación de contidos audiovisuais para amosar diariamente o produto fresco dispoñible, a xestión áxil dos pedidos e a aposta por produtos transformados, envasados e fileteados preparados para a entrega diaria.

Durante a visita puidemos coñecer tamén o valor humano que caracteriza este establecemento, cun trato próximo e personalizado á clientela nun espazo que conserva toda a esencia da cultura mariñeira.

Nos vindeiros días compartiremos os vídeos gravados nesta xornada, nos que se poderá descubrir máis de preto o labor diario desta peixería tradicional que continúa innovando sen perder a súa identidade.