
A nova peza audiovisual do GALP Golfo Ártabro Norte visibiliza o papel das peixeiras na cadea de valor da pesca e reivindica o papel das mulleres referentes como motor de futuro para as comunidades costeiras.
O GALP Golfo Ártabro Norte presenta unha nova peza audiovisual da serie dedicada ás mulleres referentes do sector marítimo-pesqueiro do territorio. Nesta ocasión, a protagonista é a responsable da Peixería Marita, situada no barrio de Ultramar, en Ferrol, que asumiu o relevo xeracional dun negocio familiar vencellado á comercialización de produtos do mar.
Baixo o título "Son peixeira!", o vídeo achega á cidadanía a realidade dun oficio fundamental na cadea de valor da pesca, visibilizando o traballo, a dedicación e o coñecemento que hai detrás da venda de peixe e marisco de proximidade. A través do seu relato persoal, a protagonista reivindica con orgullo a súa profesión e amosa como as novas xeracións poden contribuír a manter vivo un sector esencial para as comunidades costeiras.
A peza forma parte das actividades de animación e divulgación que o GALP Golfo Ártabro Norte está a desenvolver ao longo da anualidade 2026 para poñer en valor o papel das mulleres vinculadas ao mar e combater a invisibilización de moitos dos traballos que desenvolven no conxunto da cadea mar-industria.
Esta serie audiovisual nace co obxectivo de dar voz a mulleres referentes do territorio, destacando experiencias inspiradoras que permitan dignificar os oficios do mar, reforzar o seu recoñecemento social e contribuír a fomentar a remuda xeracional. A través destes testemuños preténdese mostrar a diversidade de perfís profesionais que sustentan a economía azul e que resultan imprescindibles para o desenvolvemento sostible das zonas costeiras.
Con esta nova entrega, o GALP continúa construíndo relatos de referencia arredor das mulleres do mar, poñendo o foco nas persoas que, co seu traballo diario, contribúen ao mantemento da actividade pesqueira, do comercio local e da identidade mariñeira do territorio.

