Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Descrición

Misión, visión e valores da EDLP

Misión: a misión é a meta xeral que actuará como referente último da actuación da entidade.

Liderar esforzos e promover vontades dos axentes implicados no desenvolvemento económico e social do GALP Golfo Ártabro Norte, co fin de asegurar un futuro sostible para o seu territorio e a súa poboación

Visión: a visión é, en esencia, unha imaxe que se proxecta no futuro que se desexa para o GALP. É un factor utópico “ideal” que empuxa á organización a actuar dunha maneira integrada

Capitalizar o patrimonio mariñeiro, cultural e turístico como variables claves para o crecemento sostible e innovador da zona do GALP Golfo Ártabro Norte

Valores: calquera organización que promove iniciativas de carácter público ou privado ten como base unha serie de valores, que son un elemento central que artella a definición das súas estratexias. Estes son inherentes ás organizacións, pero tamén son unha determinada maneira de xestionar procesos.

A continuación, de xeito moi sucinto, resúmense os valores que guían e guiarán durante a vixencia do presente plan estratéxico o traballo desenvolto polo GALP Golfo Ártabro Norte.

PARTICIPACIÓN, IMPLICACIÓN E COMPROMISO

Para que este plan teña os efectos desexados é imprescindible non só contar na súa  definición coa participación de todos os axentes de referencia no territorio, senón que se precisa a súa implicación tanto no seu deseño como na súa execución e seguimento, de forma que o asuman como propio e procuren o éxito das medias nel recollidas.

COLABORACIÓN, COOPERACIÓN E INTEGRACIÓN

A vía para o óptimo aproveitamento dos recursos dispoñibles no territorio pasa pola xeración de sinerxías entre todos os axentes participantes á hora de desenvolver os seus proxectos, que deben ser integrados e con visión de conxunto, facendo da colaboración e a cooperación sinais de identidade do xeito de traballar que se quere promover desde o GALP.

INNOVACIÓN

O alto potencial de talento existente no contorno do GALP Golfo Ártabro Norte debe ser aproveitado en beneficio da busca de novas vías de obtención de proveito das actividades pesqueiras, considerando baixo este prisma todas as fases da cadea de valor e procurando en todas elas incidir con novas metodoloxías, ferramentas tecnoloxías e enfoques que acheguen novas posibilidades de engadir atractivo, aumentar a riqueza e mellorar a calidade de vida para os seus habitantes.

SOSTIBILIDADE

O desenvolvemento das actividades económicas de xeito compatible co mantemento do medio natural non só supón a mellor garantía de continuidade para o propio sector mariñeiro e para toda a cultura mariñeira da zona, senón que posibilita o desenvolvemento de novas actividades de valor asociadas a este medio e axuda á promoción da calidade de vida dos actuais habitantes e das xeracións futuras.

ORGULLO

A posta en valor e a toma de conciencia da importancia que tivo e ten o mundo mariñeiro, a súa cultura e tradicións, á hora de conformar o contorno do GALP Golfo Ártabro Norte tal e como o coñecemos hoxe en día, é a vía para lograr non só entre os profesionais do sector senón entre toda a poboación en xeral o sentimento de orgullo e de pertenza que constitúa un elemento diferencial á hora de apostar polo desenvolvemento futuro do territorio.

EDUCACIÓN

A educación en sentido amplo, considerando actividades de formación, información e aprendizaxe, ten un carácter nuclear neste plan. Só a través da educación poden formarse cidadáns responsables que tomen conciencia do papel das actividades mariñeiras no desenvolvemento económico e social do territorio, así como da importancia da sostibilidade do noso medio natural. Do mesmo xeito, a educación posibilita a adquisición de novas competencias persoais e profesionais que repercutirán nunha oferta de produtos e servizos máis competitivos e de maior calidade, elemento fundamental para a diferenciación.