Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra mostra en Portonovo o impacto das axudas nunha náutica máis accesible e sostible

 

  • A visita da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro permitiu coñecer sobre o terreo iniciativas de accesibilidade, inclusión e sustentabilidade apoiadas a través das axudas xestionadas polo GALP
  • O Náutico de Portonovo leva anos aproveitando estas liñas de apoio para eliminar barreiras, protexer o medio mariño e achegar a navegación á mocidade e ás persoas con discapacidade

O GALP Ría de Pontevedra puxo en valor esta semana o impacto dos proxectos desenvolvidos polo Club Náutico de Portonovo ao abeiro das axudas xestionadas pola entidade, coincidindo coa visita ás instalacións da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Ángeles V. Suárez e a Directora Territorial  en Vigo Elena Suárez Sarmiento.

Durante a visita, na que participaron tamén representantes do GALP Ría de Pontevedra e responsables do Club Náutico de Portonovo, puidéronse coñecer sobre o terreo algunhas das actuacións que a entidade foi desenvolvendo nos últimos anos grazas a estas liñas de apoio.

A náutica ao alcance de todas as persoas

Un dos proxectos máis recentes é A náutica: ao alcance de todos”, aprobado na convocatoria de 2025.

A iniciativa tiña como obxectivo promover unha navegación sostible e accesible, facilitando que a mocidade e as persoas con discapacidade poidan achegarse ás actividades náuticas e ao coñecemento do medio mariño.

O proxecto contemplaba actividades para mozos e mozas de entre 8 e 18 anos e para persoas pertencentes a colectivos de discapacidade, en colaboración con entidades como COGAMI e Down Galicia. Para facelo posible, incorporáronse novos equipamentos e embarcacións que permiten ampliar as posibilidades de participación.

As actividades incluiron tamén obradoiros de introdución á navegación nos que se traballan técnicas básicas, o coidado das embarcacións e os principios da sustentabilidade aplicados á actividade náutica.

O obxectivo era que o mar e a navegación fosen accesibles para públicos cada vez máis diversos, reducindo barreiras e utilizando o deporte como ferramenta de participación, integración e conexión coa ría.

Unha porta ao mar sen barreiras

Este traballo daba continuidade a actuacións anteriores apoiadas polo GALP Ría de Pontevedra. Entre elas atópase o proxecto “Adaptabilidade e accesibilidade universal, unha porta ao mar, eliminando barreiras”, desenvolvido en 2022.

A iniciativa permitiu modificar e instalar unha pasarela adaptada para minimizar o desnivel provocado pola subida e baixada das mareas no acceso aos pantaláns, facilitando o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

A actuación perseguía reducir nun 90 % as barreiras arquitectónicas existentes neste acceso e incorporou tamén accións de limpeza e conservación ambiental do entorno portuario.

Deste xeito, o club foi avanzando cara a unhas instalacións máis accesibles ao tempo que incorporaba o respecto e a protección do medio mariño como parte da súa transformación.

Máis sustentabilidade e protección do medio mariño

A sustentabilidade é outra das liñas nas que o Club Náutico de Portonovo leva anos traballando co apoio das axudas xestionadas polo GALP.

O proxecto “Portos sostibles: actuación de prevención e concienciación en medio ambiente mariño”  permitiu incorporar equipamentos destinados á recollida selectiva de residuos, á prevención de incendios, á resposta ante posibles episodios de contaminación por hidrocarburos e á recollida de augas grises e negras das embarcacións.

Tamén se instalaron luminarias LED con sensores de movemento, cunha previsión de aforro enerxético próxima ao 60 %, así como novos elementos de seguridade e paneis para fomentar entre as persoas usuarias un consumo responsable de auga e enerxía.

A actuación incorporou ademais unha importante dimensión educativa mediante accións de formación e sensibilización ambiental dirixidas aos rapaces e rapazas participantes nas escolas náuticas durante o verán.

Un exemplo do impacto das axudas xestionadas polo GALP

Desde o GALP Ría de Pontevedra destácase que a evolución do Club Náutico de Portonovo permite comprobar o efecto que poden ter estas axudas cando existe unha continuidade no tempo.

Os diferentes proxectos permitiron pasar da incorporación de medidas ambientais e de eficiencia á eliminación de barreiras físicas e, posteriormente, ao desenvolvemento de actividades especificamente deseñadas para facilitar o acceso á navegación a novos públicos.

Esta evolución encaixa cos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra, que busca aproveitar as oportunidades da economía azul para impulsar un territorio máis sostible, inclusivo e conectado co mar.

A visita da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro serviu tamén para poñer en valor este modelo de desenvolvemento local e coñecer directamente os resultados das actuacións. Ángeles V. Suárez destacou durante o encontro o papel das axudas destinadas ás EDLP na dinamización das comunidades costeiras e a capacidade dos GALP para canalizar iniciativas que parten das necesidades e oportunidades detectadas no propio territorio.

Para o GALP Ría de Pontevedra, experiencias como a do Club Náutico de Portonovo demostran precisamente o valor deste modelo: entidades locais que identifican necesidades e propoñen proxectos, e unhas axudas xestionadas desde o territorio que permiten convertelos en actuacións concretas con impacto social e ambiental na ría.

Os proxectos están cofinanciados pola Unión Europea, a través dos fondos europeos Marítimo da Pesca e da Acuicultura, e pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar.