
- Os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) presentaron en Santiago de Compostela os resultados do proxecto Pesca Saúde, unha iniciativa transversal que aunou o sector pesqueiro, os profesionais da saúde e a da gastronomía na promoción dos produtos do mar.
Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar non só como unha cuestión dietética, senón como unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.
A Conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, abriu o evento poñendo o foco no aumento do consumo de peixe e marisco como reto estratéxico no que proxectos transversais como Pesca Saúde serven como amplificadores para a sociedade galega. A conselleira fixo, asemade, oun chamamento a todos os axentes a traballar par reverter a tendencia á baixa do consumo de produto pesqueiro en Galicia, que mesmo así está 5 Kg por enriba da media nacional.
Coidando da saúde e do territorio
Mariano Lago Louro, presidente do GALP Costa Sostible, sinalou o importante traballo que fan os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro na posta en valor dos produtos do mar, sinalando o dobre beneficio que teñen proxectos coma este tanto na saúde das persoas como na sustentabilidade económica dos territorios nos que traballan.
Manuela Oviedo Hermida, como coordinadora do proxecto, destacou o seu carácter innovador, que permitiu achegar a actividade dos GALP a público como os deportistas ou o dos centros de saúde. Tamén resumiu os seus principais fitos, que durante o ano 2026 celebrou actividades como dinamizacións nos centros de saúde, xornadas técnicas con especialistas, demostracións de cociña en vivo nos mercados, sorteos, entrega de vales de compra ou cursos prácticos de cociña. Máis de 2000 persoas participaron nalgunha destas actividades, que se celebraron en diversos puntos do litoral galego.
Un reto transversal
Pesca Saúde é unha das moitas das medidas que dende a administración pública se están a desenvolver para fomentar os hábitos de vida saudable e a alimentación equilibrada. Carolina Muñoz Ibáñez, da Xefa de Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación da Dirección Xeral de Saúde Pública, fixo un repaso a algunhas destas iniciativas. Para Muñoz, o traballo en rede é fundamental para afrontar o reto de elevar o consumo e da divulgación das propiedades nutricionais destes produtos. Nese sentido, apuntou que a saúde debe formar parte de todas as políticas públicas: as que regulan os sectores produtivos, a educación, o urbanismo…, xa que todo inflúe nos hábitos saudables.
Pesca Saúde foi un proxecto transversal, que mobilizou máis de 200 entidades, entre concellos, centros de formación de hostalaría, asociacións de comerciantes, confrarías, lonxas, peixeiros e peixeiras, profesionais da saúde e da restauración. Por iso as xornadas contaron cunha mesa de debate con diversos axentes de tres ámbitos chave: o científico, o sector pesqueiro e a restauración.
Desmontando mitos
O cardiólogo Guillermo Aldama López abriu os relatorios desmontando un dos mitos máis extendidos sobre o consumo de peixe e marisco: o seu contido en mercurio. Segundo os últimos estudos das máis prestixiosas autoridades científicas, o alto contido en selenio da maioría das especies que consumimos (incluíndo o peixe espada ou o bonito), fai que se neutralicen os posibles efectos perxudiciais do mercurio. Neste sentido, sinalou a importancia de desterrar a práctica de limitalo nas dietas das mulleres en estado de xestación, xa que reducir o seu consumo pode ser máis perxudicial para o desenvolvemento dos embrión.
No capítulo dos beneficios comprobados, o catálogo é ampo e coñecico, con beneficios en case todos os ámbitos, dende o sistema cerebral ou cardiovascular ata outros menos coñecidos como a vista, a pel ou mesmo a saúde mental. Isto é así porque as graxas omega-3 que conteñen son fundamentais para a mellora das nosas células, que están presentes en todos os organismos do noso corpo.
No ámbito do sector pesqueiro, Manuel Suárez Blanco, xerente da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), tamén animou a deixar atrás outra das falsas creencias máis estentidas: o alto custe do peixe e os mariscos. A través da experiencia da Lonxa de Sada, explicou que se pode conseguir produto de gran calidade a un prezo asequible escollendo opcións de proximidade e de tempada, ao que hai que engadir o seu valor de prevención de moitas doenzas.
Pechou a rolda Lolo Mosteiro, cociñeiro do restaurante A Artesa da Moza Crecha (Betanzos), animando ás persoas a incorporar o produto pesqueiro na cociña do día a día, como el fai nos seus proxectos gastronómicos. Resaltou o valor de actividades de Pesca Saúde como os obradoiros de Batchcooking, no que as persoas asistentes aprenderon como se poden facer grandes cantidades de elaboracións sinxelas en moi pouco tempo.
Receitarios e guías prácticas Pesca Saúde
Laura Regueiro, de Arela Saúde S. Coop. Galega presentou as dúas publicacións que se editaron ao abeiro do proxecto, elaboradas por expertas nutricionistas da súa entidade. A primeira, unha «Guía de propiedades nutricionais», documento divulgativo para coñecer mellor os nutrientes e beneficios do consumo de peixe e outros produtos do mar na saúde. A outra foi o «Receitario Pesca Saúde», con elaboracións prácticas e consellos para incorporar ao día a día o produto pesqueiro que demostran que facelo non é só san, senón tamén pode ser doado e achegar moito sabor aos nosos menús. Ambas as dúas publicacións pódense consultar na web do proxecto: pescasaude.gal.
Pesca Saúde é un proxecto financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, de xeito que o proxecto une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.




