
O encontro, organizado en colaboración co Concello de Marín, permitiu presentar os Viveiros Formativos de Emprendemento que se desenvolverán en 2027 para impulsar a transformación artesanal dos produtos do mar.
O GALP Ría de Pontevedra celebrou esta mañá en Marín unha nova xornada informativa do proxecto «Feito co Mar», unha iniciativa que busca impulsar novas oportunidades de formación, emprego e emprendemento arredor da transformación artesanal dos produtos pesqueiros e marisqueiros.
O encontro, organizado en colaboración co Concello de Marín, e co Obradoiro Dual de Emprego, desenvolveuse no Espazo Emprendedor situado no Parque Azul, e contou coa participación do seu alumnado e do seu director, Óscar Rey, así como de persoas interesadas en coñecer as posibilidades de formación e emprendemento que ofrece o proxecto, xa que a sesión tamén estivo aberta ao público xeral.
Durante a xornada, o equipo do GALP Ría de Pontevedra presentou os Viveiros Formativos de Emprendemento «Feito co Mar», que se desenvolverán ao longo de 2027 a través de dous programas, un de iniciación e outro de profesionalización. As persoas asistentes puideron coñecer os contidos da formación, a metodoloxía de traballo e as oportunidades que ofrece esta iniciativa para transformar os recursos do mar en novos produtos con valor engadido.

A proposta aposta pola recuperación e actualización de técnicas tradicionais de elaboración como o salgado, o afumado, o desecado ou o adubado, así como pola elaboración de conservas, patés e pratos preparados. O obxectivo é combinar o coñecemento artesanal coa innovación alimentaria para desenvolver produtos adaptados ás novas demandas de consumo e explorar oportunidades de actividade económica vinculadas ao territorio.
A xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, destacou a importancia de recuperar estas elaboracións tradicionais como unha oportunidade para diversificar a economía local. «É un proxecto que desde a xunta directiva do GALP valoramos moi positivamente e que tiñamos moitas ganas de poñer en práctica, porque consideramos fundamental impulsar o emprendemento arredor das elaboracións artesanais e recuperar técnicas que sempre formaron parte do noso territorio, como o secado do polbo, o adubado das sardiñas ou o afumado», explicou.
Neste sentido, sinalou tamén o potencial comercial deste tipo de produtos nun contexto no que as persoas consumidoras demandan cada vez máis alimentos que faciliten a preparación das comidas. «Na medida en que sexamos capaces de ofrecer o noso produto preelaborado, mantendo a súa calidade e identidade, estaremos abrindo novas oportunidades para o sector», apuntou.
A xornada contou tamén coa participación de Roberto Chico, da Universidade de Vigo, quen presentou as posibilidades de colaboración a través do proxecto FARclimate.
A incorporación de recursos e coñecementos procedentes do ámbito universitario reforza así a dimensión colaborativa de «Feito co Mar», que busca conectar a formación práctica co asesoramento e coas ferramentas necesarias para converter as ideas en proxectos emprendedores.
Co encontro celebrado en Marín, o GALP Ría de Pontevedra continúa achegando esta iniciativa á cidadanía e aos colectivos interesados en explorar novas oportunidades profesionais vinculadas aos recursos do mar, poñendo en valor o coñecemento tradicional e o potencial da transformación artesanal como actividade económica.
Un proxecto de cooperación dos GALP de Galicia
«Feito co Mar» é unha iniciativa de cooperación de sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, coordinada polo GALP Golfo Ártabro Norte, na que participan tamén os GALP Golfo Ártabro Sur, A Mariña Ortegal, Costa da Morte, Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra.
O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

