Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A pandemia acelerou e dixitalizou trámites que favoreceron o funcionamento do sector. E sobre todo, puso en evidencia o valor das persoas e a súa seguridade dentro das organizacións

 

O día despois deste atípico San Xoán, Manuel Casal aténdenos por teléfono cunha enerxía que contaxia. Xerente de Frigoríficas Botana, unha empresa conxeladora que opera con peixe fresco e conxelado situada no porto da Coruña, danos a súa visión global do sector, o que supuxo para a súa empresa e as oportunidades que está provocando.

Comezamos!

  1. Para poñernos en situación, podedes contarnos un pouco sobre a vosa actividade?

Si claro, Frigoríficas Botana traballa en dous tipos de mercado; o de fresco que fornece ao mercado no día a día e o de conxelado, onde vai o produto que non foi ao mercado de fresco, excedente, campañas ou ata especies migratorias. É dicir, mercamos produto nas canles locais, procesámolos e aportamos valor engadido neste proceso para a posteriori comercializalo en múltiples canles, sobre todo en mercados internacionais como África, Oriente medio e Europa do Leste, aínda que tamén cada vez máis Asia. Por exemplo, que estea directamente relacionado coa subvención que está vinculada ao GALP son xeralmente de cerco ou artes menores. Mercamos unha cantidade moi importante, ao redor de 15.000.000 de kg por ano, dos que case 2/3 mercámolos entre Malpica e Sada. Facemos múltiples preparacións e moitos tipos de conxelacións con eles que ao remate podes atopar en case calquera supermercado.

  1. Como vos repercutiu a situación provocada polo COVID-19 nas diferentes áreas? Como estades agora?

Case non nos afectou, ao final, a alimentación é actividade de primeira necesidade e mantívose en funcionamento. Ademais, a frota tamén mantivo a actividade, co que ao aprovisionamento non nos afectou. Coincidiu xusto coa campaña da cabala en concreto, e a verdade que transcurriu con moita normalidade. O que sí se notou foi un certo grado de tranquilidade en xeral, foi unha época máis tranquila coas lonxas máis despexadas e as estradas con menos vehículos. En canto á parte da comercialización pois tamén ben porque cando aquí comezou esta situación, o Covid aínda non chegara aos nosos principais países mercadores, co que non tivo unha importancia notable máis alá da sensación de inseguridade e incerteza xeral que había.

  1. Como evolucionou a situación na lonxa?

Pois ao comezo vivíase con bastantes nervios, claro, era un momento no que a pandemia comezaba e non tiñamos moi claro como debíamos actuar. Así que nervios pola incerteza sanitaria e empresarial que había. É certo que axiña se tomaron moitas medidas para o control de procesos dentro e limitouse o acceso de persoas, co que ao final, provócase que se complique a actividade e a loxística. Pensa que un posto dunha peixería podía ter unha persoa na lonxa, exactamente igual que nós, solo que o noso volume de compra é para grosista e a súa de comerciantes polo miúdo (xeralmente). Pero ao final saíu todo ben, penso que o ser humano é moi flexible para adaptarse a novas realidades e tarefas.

  1. Tivestes suficiente abastecemento de producto?

Si, abastecemento completamente normal, menos en certos produtos como a proteína de baixo custe, que a chamamos nós ao peixe como o xurelo ou a cabala. Fíxate que aquí, de xeito anecdótico, pasou algo semellante como co papel hixiénico, o preaviso da situación en certos países provocou que un aumento da demanda debido ao preabastecemento chegase a xerar problemas puntuais de dispoñibilidade. Un produto que sufriu unha situación concreta é o peixe espada, que como sae case todo para a restauración e colectividades, a demanda baixou de xeito moi considerable. Polo que, como ves, algunhas baixaron de prezo porque se freou a demanda e outras mantivéronse normalmente.

  1. Atopástesvos problemas para poder comercializalo? E con problemas de prezos?

Na canle internacional non, sinceramente. En todo o mundo está habendo problemas, pero é o normal no funcionamento do sector. Nin de cerca semellante ao que pasa en España. Non hai ese bloqueo que vivimos aquí. Ao final, en Frigoríficas Botana temos moitas posibilidades pois tocamos moitos produtos e moitas canles de comercialización, temos tan diversificado o negocio que a verdade non nos afectou de xeito notable. A clave é a internacionalización e non estar pechados solo a España. É certo que quizais os prezos baixaron un pouquiño, pero ao final, así como vendemos máis barato, mercamos tamén máis barato.

  1. Notastes algún cambio nas tendencias de consumo? Cales foron as especies mais demandadas?

Si, si, iso ocorre sempre. Se hai unha sensación de inestabilidade ou inseguridade, as especies como poden ser o marisco, sofren unha retracción de consumo, moitas veces sen unha xustificación aparente de prezo. E isto é porque hai produtos que se asumen como un luxo e que varían por sensacións ou emocións. De feito, dicimos que a cigala é o mellor indicador dunha crise. Cando o consumo evoluciona ata tamaños más pequenas, e logo segue cunha diminución do consumo, é sinal de que se aproxima unha situación complicada. Fala moito da percepción que o consumidor ten do que vai pasar. Outros produtos, os máis baratos, como a cabala e o xurelo, son grandísimos alimentos e están moi baratos. Estes produtos poténcianse e o consumo suavemente vai aumentando. En cambio, cando a sensación é a contraria funcionan de forma distinta, diminúe o consumo destes e aumenta o doutro, como por exemplo o salmón e o peixe espada.

  1. Como foi a situación en canto á exportación e importación de peixe e marisco?

Como che digo, a verdade que nós non notamos nin experimentamos ningún cambio destacábel nos mercados internacionais. Si hai flutuacións en prezos e en produtos, pero é unha situación totalmente normal no noso sector. Unhas veces motivado por un factor, e outras veces motivado por outro, neste caso, o Covid.

.

  1. Como foi a vosa situación en canto a EPI’s e medidas de seguridade?

No noso caso sempre tivemos EPI´s dispoñibles. O contacto con moitos provedores de moitísimos países permitiunos capacidade de compra e non sufrir desabastecemento en ningún momento. Por exemplo, ao ter contacto con provedores chineses pola nosa actividade, tivemos acceso a máscaras a prezo moi competitivo, moi económico. O único problema era o medo de que se parasen nas aduanas, que era o que pasaba ao principio. Pero vamos, no noso caso facíamos un pedido, e en 7 días tiñamos o material na porta da fábrica. De feito, moitos provedores chineses como deferencia e a título persoal mandáronos máscaras, paquetes de 50 ou 100 máscaras como xesto de solidariedade.

  1. Cres que se adoptaron as medidas necesarias para frear esta situación?

Pois a verdade é que ao principio a información non era nada clara e estábamos moi confusos. No noso caso, fíxate que activamos os protocolos antes do estado de alarma porque falamos con comerciais que viñan de China ou Italia e avisáronnos de que a situación era moi grave. De feito, sorprendeunos que non puidésemos, a título empresarial privado por exemplo, facer probas pola nosa conta ao persoal. Ademais, a información ao principio era moi confusa e non sabíamos como actuar dentro da fábrica, nas liñas de montaxe, polo que optamos polo sentido común: ao mínimo síntoma que víamos, tiñan que quedar na casa. A verdade é que cremos que non tivemos ningún traballador infectado, aínda que en realidade no sabemos se foi así ou non. A día de hoxe temos procesos e protocolos de traballo moito máis claros, e un sistema de supervisión para manter a seguridade en todos os postos de traballo. O teletraballo aumentou a nosa produtividade sobre o 14%. Agora mesmo, o noso persoal que é de oficina está traballando 2 días nas nosas instalacións e 3 días en formato de teletraballo.

  1. Empresarialmente falando, que crees que se podería facer para mellorar a situación?

Eliminamos os teléfonos, e agora todos os procesos son dixitais ou por mail. Isto, con organismos públicos como aduanas ou o banco era impensable fai uns meses. E este é o camiño a seguir e establecer, non podemos dar marcha atrás para volver á xestión tradicional presencial e en papel como querían algúns organismos, xa non ten sentido. Este é o camiño para a conciliación laboral. Durante o Covid celebramos o primeiro comité dixital de dirección de empresa e foi todo un éxito. É o único que se fixo en tempo e prazos, saíu perfectamente.

  1. Tedes algún protocolo establecido para traballar agora ca nova normalidade?

Sinceramente houbo un momento que paramos de ler Reais Decretos e optamos por actuar e gobernarnos baixo o sentido común precavido. Isto é, establecemos un plan por fases de desescalada, e quedamos na fase 3; mentras non exista vacina imos a manternos nesta e cos protocolos de seguridade fixos. A verdade é que o teletraballo incrustouse de maneira firme e sólida. A actividade presencial axuda no ámbito emocional dos traballadores, para que haxa contacto, conexión entre eles e se vexan as caras. Por iso é importante. De feito, pensamos en facer actividades fóra do traballo para reforzar estes vínculos. Incluso cos perfís novos que se incorporaron durante esta situación, a benvida ao posto realizouse de maneira distinta, adaptáronse a un proceso de consultoría sen ir á fábrica. E a verdade é que ao final, estes novos traballadores e esta nova situación provoca que, ao chegar como un elemento externo, o proceso de integración permítenos ter unha visión externa e con iso depurar os nosos xeitos de traballo e melloralos.

.

  1. Cres que o COVID-19 vai marcar un antes e un despois no funcionamento sector?

Pois non sabería dicirche. Somos un sector moi primario e evidentemente vai haber cousas que van cambiar. Entendemos que os quilometros son custe, son desgaste físico e familiar. Ao principio desta situación non, pero agora todo o mundo é capaz de facer unha videochamada e sentirse cómodo e con total naturalidade. Nos hábitos comerciais estou seguro que vaise acabar instaurando totalmente. Incluso estamos repensar certas feiras, misións comerciais e o sentido das mesmas. Isto ten que ser un lazo entre persoas, cliente e provedor. E hai que facelo de maneira coordinada. O máis difícil, o traballo de fábrica, de extracción e de lonxas é máis complicado pois ao final é a parte produtiva e si ou si vai haber que facela na fábrica. Onde si temos claro que haberá un cambio grande é nos patróns de consumo. O modelo que existía de compra de pescado fresco xa non ten sentido. O Covid xa axudou a avanzar o cambio de tendencia na compra e consumo na peixería. Como consumidor, xa sexa porque non queres facer cola, porque non queres entrar en contacto con máis persoas, ou incluso a rapidez do aprovisionamento ou de levar o produto a casa. Ademais, isto o que provoca é ter máis seguridade alimentaria no proceso, menos manipulación do produto. A venda online é o futuro, e ou te moves cara ela ou quedas fóra. Ademais, eliminas custos de maneira moi notoria. A clave é que esta redución de custos afecte ao prezo que paga o cliente. Cando poidas trasladar esta redución de custos ao cliente final, toparemos coa clave do modelo de consumo.

  1. Como vedes o futuro próximo?

Pois a verdade é que agora vémolo totalmente normalizado. O sector e as fábricas seguen traballando con relativa normalidade, e os mercados con asimetría. Pero isto é algo intrínseco ao sector, é dicir, sucede non so co Covid se non que en un montón de situacións moi variables: hai produto que funciona normalmente, e outros que están activándose en consumo moi suavemente. Como en España e Europa convivimos con un entorno xeopolítico complicado, é habitual está situación de asimetrías. Polo que ó final vémolo de maneira natural, en este caso, o único que cambia é o condicionante (o Covid).

  1. Que sacarías de positivo en todo isto?

Bueno, moitas reflexións en positivo, a dixitalización é un paso que chega para quedarse, e sobre todo que a seguridade das persoas ten que ser o primeiro. Agora claramente, ademais da seguridade alimentaria que era a primeira, púxose en evidencia que a saúde e seguridade das persoas é o máis importante, son a chave para a túa mellora empresarial. Ou os teus traballadores son felices ou a túa empresa ten un problema de produtividade. As evolucións tecnolóxicas son facilmente integrables e adóptanse moi rápido, por iso creo que as persoas son o compoñente verdadeiro do cambio. E sobre todo o modelo de consumo que vai ser totalmente distinto. O que se consiga adaptar ó novo modelo estará ante un momento moi interesante. Cando hai crise sempre hai oportunidades, como di o refrán. E o certo é que van aparecer ocos onde posicionarse e xerar negocio. O cliente ten que ser máis profesional, en mercados máis globales e máis competitivos. Por iso, creo que isto, ó final vai provocar unha purga no sector, seguro que si.

 

  1. Pensas que o sector pesqueiro se está adaptando ben ás novas tecnoloxías? Como o facedes vos?

Penso que, aínda que de primeiras foi un sector remiso á implantación de novas tecnoloxías e transformación dixital de xeito xeral, pouco a pouco estamos vivindo o momento no que estas están a penetrar no sector e cada vez máis empresas intégranas nos seus procesos. Ao final, somos moitos os mozos que estamos accedendo a postos de control e dirección en empresas do sector pesqueiro e no noso caso, ao convivir coas novas tecnoloxías dende pequenos, atopamos más beneficios na súa implementación e funcionamento. É certo que é un sector primario onde moitas veces resulta máis complexo implementar, aínda que a tendencia é clara e cada vez máis, ou as empresas se dixitalizan ou quedarán desfasadas. No noso caso, como xa fun contando, buscamos adquirir novas ferramentas que ao final, faciliten o traballo dos nosos empregados para mellorar a produtividade. Estamos en constante investigación e estudo.

  1. Tedes algún proxecto do que nos  poidades falar para adaptar a vosa situación o contexto que temos por diante?

Temos varios proxectos agora mesmo en marcha. O certo é que están moi vencellados coas orixes. É dicir, teñen que ver coa captación do produto. Na comercialización estamos moi expandidos, moi ampliados e iso vai seguir sendo así. Pero en temas de compra, hai que decatarse que ao final a lonxa non é a única canle de compra que existe. Así que estamos coas posicións en moitas orixes diferentes. Comezou sendo o Brexit, e é que as turbulencias déixannos oportunidades en mercados internacionais. Nós estamos abrindo países como China, Chile e Reino Unido. En canto ás liñas de produtos, estamos creando canles de maior valor engadido, do que se chama gama 5 (que ven a ser produto preparado para cociñar e listo). O noso negocio estaba moi centrado en gama 1 e 2. E agora estamos avanzando bastante neste senso. Desenrolamos máis formatos de máis produtos para ir a máis canles e ampliar mercado. En verdade eran proxectos que xa estaban en marcha, pero esta situación provocou que se aceleren aínda máis.

  1. E xa para rematar, hai algo que vos gustaría comentar en especial?

verdade é que xa fixen un repaso interesante da situación nestes intres. O único punto que me gustaría comentar é que moitas veces as axudas son ferramentas complicadas. As administracións consideran que as axudas asócianse a un feito concreto, físico e tanxible. E por iso, a realidade é que as axudas tenden a xerar unha inflamación que se chama maquinitis. A clave é, para min, ser capaz nun período de tempo de retornar esa axuda á sociedade. Entón, para min, esa axuda tivo senso. Que conseguiches grazas a esta axuda? Que retorno deches a esa inversión que fixeron o resto de cidadáns na túa empresa? Eu noto que moitas veces quedámonos no marco directo, é dicir, douche isto para isto. E deberíamos ter o xeito de tasar o retorno das axudas. Cada proxecto subvencionado que temos en Frigoríficas Botana ten un retorno multiplicador, ao fin e ao cabo o que estamos xerando é un incremento en seguros sociais, emprego, IRPF’s que ao final permítennos garantir e aportar valor a un sector. O que consiga demostrar o retorno das subvencións debería ter unha puntuación extra de cara a solicitar as seguintes subvencións, porque así permitiríanos entrar nunha espiral positiva de xerar valor ao sector. Neste GALP, en concreto, todos os proxectos que vin que se presentaran xunto co noso tiñan unha visión de medio prazo moi clara, e iso é un punto moi interesante, é unha visión de negocio e de futuro. E iso, é o que necesitamos.