Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Gran éxito na exposición “A campaña Argus” con máis de 23.300 visitantes

 

O Aquarium Finisterrae foi o primeiro museo da Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (REMA) en acoller a exposición temporal "A Campaña do Argus", cedida polo Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal), e que puido visitarse entre o 31 de marzo e o 26 de xuño.

Durante estes case dous meses, recibiu máis de 23.300 visitantes que destacaron o valor dos mariñeiros para levar a cabo esas campañas tan longas en Terranova atravesando o océano Atlántico, con condicións climatolóxicas tan adversas e con medios materiais tan escasos e rudimentarios.

As persoas que se achegaron ata o Aquarium da Coruña puideron admirar o traballo realizado polo reporteiro do National Geographic Magazine e oficial da Armada australiana, Alan Villiers, que durante cinco meses de 1950 acompañou a un grupo de mariñeiros portugueses na pesca de bacallau polos caladoiros de Terranova (Canadá) a bordo do barco Argus.

Con esta iniciativa da Rede REMA preténdese poñer en valor a cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio cultural entre as diferentes zonas costeiras atlánticas. A seguinte parada desta exposición temporal é a Casa da Navegación de Baiona, entre o 2 e o 31 de xullo.

O Aquarium Finisterrae é un dos 3 museos do territorio GALP Golfo Ártabro Sur adheridos á Rede REMA xunto coa Torre de Hércules, tamén na Coruña, e o CEIDA, en Oleiros.