
A entidade xestionará un presuposto de 4.327.320,47€ durante o vindeiro período de fondos europeos FEMPA 2021-2027.
No próximo período FEMPA (Fondos Europeos da Pesca e da Acuicultura) 2021-2027, o GALP Golfo Ártabro Sur xestionará un presuposto de total 5.403.873,37€, dos cales, 4.327.320,47€ (o 80%) estarán destinados exclusivamente á subvención de proxectos no territorio de actuación da entidade.
A cifra supón un incremento de 1,4M€ máis, un 44,3%, respecto do crédito dispoñible para período FEMP anterior. Desde o GALP consideran esta asignación unha “moi boa noticia” para axudar a xerar riqueza vinculada ao mar e ao seus produtos nos concellos de Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo, xa que a maior parte dos promotores serán pequenos negocios como microempresas, pemes e persoas particulares.
En canto ás liñas subvencionables, o 50% do crédito está dirixido exclusivamente á cadea de valor do sector pesqueiro, e o restante a temáticas como o fomento da economía azul, do patrimonio medioambiental para mitigación do cambio climático, do patrimonio cultural mariñeiro ou da gobernanza entre asociacións e entidades do sector mar-pesca.
Desde o o GALP Golfo Ártabro Sur recordan que, antes de iniciar calquera trámite pola súa conta, os promotores interesados en solicitar as axudas contacten co equipo técnico para confirmar que a súa idea empresarial se adecúa aos obxectivos estratéxicos da EDLP e existe crédito dispoñible para subvencionala. A entidade informará a través das súas canles de comunicación (web e redes sociais) da apertura das convocatorias.
Presentación do plan de acción
Nun acto celebrado este luns 19 á tardiña na súa sede, o GALP Golfo Ártabro Sur presentoulle aos socios a nova EDLP, a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa. Este é o documento estratéxico que recolle o plan de acción para xestionar estes fondos europeos da nova convocatoria FEMPA 2021-2027 desde comezos de 2023.
A realización da EDLP foi un intenso traballo colectivo no que participaron ducias de cidadáns individuais a través das reunións físicas e online, así como as entidades socias do GALP e diversos axentes territoriais do sector pesqueiro, acuícola e náutico, entre outros. Despois de tres intensos meses de reunións, a elaboración da EDLP culminou coa presentación deste documento mestre ante a Consellería do Mar o 23 de setembro para a súa aprobación final. A EDLP foi aprobada definitivamente o pasado 13 de decembro de 2022 pola Consellería do Mar.
Ademais dos obxectivos e actuacións básicas que deberán cumprirse ata 2027, na EDLP queda constancia de como se realizou o proceso participativo, quen participou e tamén recolle unha análise económica, social, ambiental e cultural do territorio.