Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A ‘foodtruck’ de Pesca Saúde chega ao Pantín Classic para promover hábitos saudables a través do produto do mar galego

 

  • Os días 29 e 30 de agosto ofreceranse degustacións de elaboracións pensadas para acompañar o exercicio físico, xunto con información nutricional no contexto do campionato de surf que se celebra en Valdoviño.

O proxecto Pesca Saúde, a iniciativa coa que os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) promoven o consumo de produto pesqueiro galego como hábito de vida saudable, fai a súa vindeira parada os días 29 e 30 de agosto na praia de Pantín, no concello de Valdoviño, coincidindo coa celebración do campionato de surf Pantín Classic 2026. A través dunha foodtruck e un espazo promocional e divulgativo, a iniciativa porá de manifesto o papel clave do peixe, marisco e outros produtos do mar na saúde e o benestar físico.


A oferta gastronómica desenvolvida para esta cita nace do vínculo entre o litoral galego, a nutrición e a actividade física. En colaboración cun dos restaurantes adheridos ao proxecto, A Artesa da Moza Crecha, Pesca Saúde ofrecerá a deportistas e público xeral unha selección de petiscos de cociña galega contemporánea elaborados con produtos do mar e de proximidade. A proposta articúlase arredor do concepto “Antes da Onda / Despois da Onda”, diferenciando entre os nutrientes necesarios para afrontar o esforzo físico e os orientados a acelerar a recuperación muscular.

Concepto gastronómico
Así, a elaboración “Antes da Onda” consistirá nun crocante de pan de millo con bonito curado e tomate soasado, unha opción fresca, equilibrada e de fácil dixestión na que o bonito achega proteína magra e graxas omega-3 ideais para os momentos previos ao exercicio. Pola súa banda, a proposta “Despois da Onda” será un brioche de mexillón galego en escabeche emulsionado e codium, un petisco rico en proteína, ferro e minerais esenciais concibido especificamente para favorecer a recuperación muscular tras o esforzo intenso.

A actividade botará a andar o sábado 29 de agosto ás 11:30 horas coa apertura oficial da foodtruck e do espazo promocional, nun acto que contará coa benvida e presentación a cargo das xerencias dos GALP e de representantes do Concello de Valdoviño. A continuación, entre as 11:45 e as 12:45 horas, celebrarase a primeira sesión de degustación centrada na opción previa á actividade física, mentres que entre as 13:45 e as 14:45 horas ofrecerase a degustación enfocada á recuperación muscular. Ao longo detoda a xornada, de 11:30 a 14:45 horas e de 17:00 a 19:00 horas, o punto informativo permanecerá aberto para atender ao público, que poderá visualizar os vídeos promocionais da campaña e recoller material divulgativo.

O domingo 30 de agosto manterase unha programación semellante, coas sesións de degustación de “Antes da Onda” entre as 11:00 e as 12:00 horas e de “Despois da Onda” entre as 13:00 e as 14:00 horas. O espazo de atención á cidadanía estará operativo de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 17:00 horas pola tarde.

Que é Pesca Saúde?
Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar non só como unha cuestión dietética, senón como unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.

Con este obxectivo, durante 2026 véñense realizando campañas en centros de saúde, xornadas divulgativas con expertos en medicina e nutrición e actividades en prazas e mercados, incluíndo sorteos e demostracións de cociña ao vivo. A partir de setembro celebraranse obradoiros prácticos nos que se ensinará ás persoas a planificar menús semanais incorporando produto pesqueiro nas súas elaboracións.

A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, de xeito que o proxecto une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.

Horarios e actividades
SÁBADO 29 DE AGOSTO:
11:30: Apertura da foodtruck e benvida oficial.
11:45 a 12:45: Degustación “Antes das Ondas”.
13:45 a 14:45: Degustación “Despois das Ondas”.
Punto informativo: Aberto de 11:30 a 14:45 e de 17:00 a 19:00.

DOMINGO 30 DE AGOSTO:
11:00 a 12:00: Degustación “Antes das Ondas”.
13:00 a 14:00: Degustación “Despois das Ondas”.
Punto informativo: Aberto de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 17:00.