Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Ría de Pontevedra suma 27 bandeiras azuis

Cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) outorga os distintivos Bandeira Azul que certifican a calidade dos areais en base á calidade das súas augas, os servizos que ofertan ao público e a xestión de emerxencias.

ría de Pontevedra acada este ano 27 bandeiras azuisPor concellos, os areais distinguidos neste 2021 son:

  • Sanxenxo : A Lapa, Area de Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, O Espiñeiro-A Lanzada, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.

  • Marín: Portocelo, Mogor e Aguete e de forma compartida A Coviña e O Santo do Mar, en Ardán.

  • Bueu: Lagos, Areas de Bon, Lapamán e Portomaior.

  • Poio: Cabeceira.

En total, na nosa comunidade autónoma 111 praias izarán a bandeira azul, o que supón catro máis que o ano pasado. Con todo, Galicia cae ao terceiro posto entre as comunidades autónomas superada pola Comunidade Valenciana e Andalucía. Por provincias é a de Pontevedra a máis galardoada pois acada 58 distintivos para as súas praias seguida de lonxe pola Coruña con 35 e Lugo con 18.

A maiores, tres portos e entidades da ría de Pontevedra acadaron o galardón que outorga a Adeac: o porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Sanxenxo e o Club Náutico de Portonovo. Nestes casos a distinción certifica a calidade das instalacións náuticas en aspectos como a prestación de servizos de calidade aos usuarios, a ordenación e limpeza das instalacións portuarias, a elaboración de programas de sensibilización ambiental ou a implantación de sistemas de xestión ambiental.

Centros e sendeiros azuis

A Ría de Pontevedra tamén acubilla varios centros e sendeiros azuis co distintivo de Adeac.

Osendeiros azuis galardoados suman nove na provincia de Pontevedra —que en total, ao ser algún unha rede, son 18 rutas. Os sendeiros da ría de Pontevedra que acadaron a distinción son o Sendeiro de Cabo Udra no Concello de Bueu; a Rede de Sendeiros Azuis do Concello de Marín que engloba a Ruta Montes e Praias, a Ruta das Praias e a Ruta dos Cinco Miradoiros; e no Concello de Sanxenxo o galardón foi para a Rede de Sendeiros que abarca o Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñazo, o Sendeiro Litoral Canelas-Punta Cabicastro, o Sendeiro Litoral Montalvo-Major, o Sendeiro Litoral Paxariñas-Montalvo, o Sendeiro Máxico da Lanzada e o Sendeiro Litoral Sanxenxo-Portonovo.

Para que un sendeiro reciba a distinción da Adeac debe cumprir unha serie de criterios que perseguen garantir a preservación e mellora das condicións ambientais, a seguridade e a posta en valor dos recursos patrimoniais dos sendeiros e camiños litorais. A vontade da iniciativa Sendeiros Azuis é a de fomentar a conexión da rede de lugares con Bandeira Azul mediante sendeiros que axuden a poñer en valor espazos naturais e de interese cultural e patrimonial próximos a praias ou portos deportivos que conten coa Bandeira Azul.

Adeac tamén examina os centros de visitantes, aulas de natureza ou instalacións similares con actividades de educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e/ou o desenvolvemento sostible. Para acadar o distintivo estes espazos deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio. Os centros azuis galardoados na ría de Pontevedra repártense entre o Concello de Bueu (Aula de Natureza Cabo Udra e o Centro de Interpretación Agrelo), o Concello de Sanxenxo (Centro de Interpretación As Telleiras) e o de Marín (Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor e o Ateneo Santa Cecilia).