
- O encontro celebrarase o vindeiro martes pola tarde no Auditorio do Edificio de Operacións Portuarias
- O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o 16 de febreiro
Cunha dotación de 6.900.000 euros, a nova convocatoria de axudas ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento dos Grupos de Acción Local do Sector de Galicia, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, xa está en marcha. O próximo martes 3 de febreiro, o GALP Ria de Pontevedra fará a presentación oficial da convocatoria en Marín, no Auditorio do Edificio de Operacións Portuarias ás 17:00 horas en colaboración coa Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.
O obxectivo deste encontro é achegar ao tecido económico, social e administrativo da zona toda a información relativa á nova convocatoria de axudas. A sesión está destinada a empresas, persoas emprendedoras, entidades sen ánimo de lucro e colectivos vinculados ao mar que desexen coñecer as oportunidades de financiamento que ofrece o GALP para proxectos centrados na sostibilidade, a posta en valor dos recursos mariñeiro ou a diversificación da economía local, en liña cos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).
O equipo técnico do GALP RP explicará as bases da convocatoria e, tralo café, debullará as pautas a seguir para presentar un proxecto con éxito á convocatoria.
Para asistir á xornada é preciso inscribirse previamente a través do seguinte formulario, publicado tamén nas redes sociais do grupo, ou directamente chamando ao GALP Ría de Pontevedra (886 21 30 15).

