Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O IES Illa de Tambo acolle o inicio do proxecto Relevo Xeracional no territorio do GALP Ría de Pontevedra

  • A iniciativa, dirixida ao alumnado de 4º de ESO, achega os oficios do mar ás aulas para promover o relevo xeracional no sector

O IES Illa de Tambo, en Marín, acolleu este mércores a primeira sesión do proxecto ‘Relevo Xeracional: O Futuro do Mar’ no territorio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, dando comezo ás actividades previstas nos centros educativos da zona.

A formación está destinada ao alumnado de 4º de ESO e ten como finalidade achegar a realidade actual do sector marítimo-pesqueiro galego á mocidade, dar a coñecer as opcións formativas existentes —especialmente a Formación Profesional Dual marítimo-pesqueira— e espertar o interese por un ámbito profesional clave para a economía das comunidades costeiras.

Durante a sesión desenvolveuse unha actividade participativa que permitiu ao estudantado coñecer as saídas profesionais vinculadas ao mar, a evolución do sector cara a modelos máis tecnificados e sostibles e a importancia de garantir o relevo xeracional para asegurar a continuidade da actividade pesqueira.

Nos vindeiros días celebrarase unha segunda sesión no propio IES Illa de Tambo para dar continuidade aos contidos. Ademais, o Centro Plurilingüe Sagrado Corazón Placeres, en Pontevedra, tamén acollerá esta formación nas próximas datas, ampliando o alcance do proxecto no territorio.

‘Relevo Xeracional: O Futuro do Mar’ é unha iniciativa impulsada polos GALP galegos, en colaboración coa Consellería do Mar e co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). O proxecto busca fortalecer o vínculo entre o sistema educativo e o tecido produtivo, promovendo a implicación do sector na formación da mocidade e contribuíndo á sostibilidade económica, social e ambiental das zonas pesqueiras.

A programación complétase con visitas a entidades vinculadas ao sector, embarques reais para coñecer o día a día da actividade pesqueira e accións de sensibilización sobre a conservación dos recursos mariños e do patrimonio natural.

O GALP Ría de Pontevedra reafirma así o seu compromiso coa dinamización local, coa creación de oportunidades para a mocidade e coa posta en valor do patrimonio mariñeiro como eixo estratéxico de desenvolvemento sostible no territorio.