
Pesca Saúde é un proxecto de cooperación promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Os GALP participantes son: GALP Costa Sostible (grupo coordinador), GALP Ría de Vigo-A Guarda, GALP Ría de Pontevedra, GALP Ría de Arousa, GALP Costa da Morte, GALP Golfo Ártabro Sur e GALP A Mariña Ortegal.
O proxecto Pesca Saúde pon o foco na alimentación equilibrada a través do consumo de produtos pesqueiros e nos seus beneficios para a saúde e benestar da poboación. A prevención e o coidado da saúde supón incorporar hábitos alimenticios e estilos de vida saudables.
Pesca Saúde alíase coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027 no seu compromiso para o fortalecemento da saúde da poboación.
A importancia do consumo de produto do mar na nosa saúde e benestar
Para acadar este obxectivo, o proxecto incide na necesidade dun maior coñecemento do produto pesqueiro a través da educación nutricional e a divulgación das propiedades dos alimentos procedentes do mar, animando ao seu consumo e incorporándoos á nosa dieta.
De que maneira
- Desenvolvendo obradoiros de batchcooking en cada GALP para organizar e preparar a comida da semana, fomentando así unha nutrición equilibrada e saudable baseada no produto pesqueiro procedente das confrarías e lonxas do territorio.
- Realizando Xornadas Alimentos do Mar, Alimentos de Vida nos centros de saúde de cada GALP nas que participarán profesionais da saúde que expoñerían os beneficios do consumo de produto pesqueiro. E, a súa vez, desenvolvendo unha campaña de promoción nos centros de saúde (FoodBike)
- Participando en eventos deportivos de proxección internacional cunha FoodTruck, divulgando os beneficios do consumo de produto pesqueiro para a práctica deportiva.
- Con accións de promoción (sorteos) e demostracións de cociña en vivo nos mercados e prazas de abastos dos diferentes GALP.
- Apoiando á restauración local no deseño de menús saudables con produtos do mar e reforzando a campaña Margalaica, «Come o mar, come saúde».
Pesca saúde vai dirixido á poboación no que conta moito:
O persoal sociosanitario xa que a súa participación e implicación é fundamental para a difusión e divulgación do consumo de produto pesqueiro e dos seus beneficios para a saúde e benestar.
As profesionais dos mercados de abastos, xa que as accións que se desenvolverán nestes espazos impulsarán o consumo de produto como alimentación saudable.
O sector da restauración, como referentes para consolidar unha oferta gastronómica saudable a través de produtos do mar.
Tamén conta o medio ambiente e as persoas
Repartiranse bolsas promocionais deseñadas con redes de pesca reutilizadas e aproveitando residuos de plástico contando coa participación do sector pesqueiro e entidades de inclusión social.
Que resultados esperamos:
- Mellorar a calidade de vida e o benestar da poboación a través do consumo dos produtos do mar con elaboracións saudables e incidindo nas propiedades e valores nutricionais.
Promover un maior coñecemento das especies de peixes, mariscos e recursos pesqueiros das lonxas e mercados locais, asociándoos as súas calidades nutricionais. - Implicar aos profesionais da restauración como axentes relevantes para o consumo saudable de produto pesqueiro entre a poboación.
- Acadar o recoñecemento do sector pesqueiro, incidindo na sostibilidade da actividade pesqueira, na promoción dos recursos e na súa valorización.
Actividades que estamos a desenvolver
Nesta anualidade 2025 ademais de concentrar unha parte importante do traballo no deseño do plan de comunicación e da estratexia de divulgación do proxecto, vaise traballar nos contidos e deseño da publicación do receitario Pesca Saúde e desenvolveranse contactos e encontros cunha selección de centros de saúde para a planificación de Xornadas Pesca Saúde en cada GALP.
Este proxecto foi financiado como unha actividade de Aplicación de estratexias das EDLP, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) nun 70% e pola Conselleria do Mar nun 30%.




