Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Campaña #Quedaconosomar

“A economía extractiva da localidade, baseada case exclusivamente na captura de choco e o marisqueo a pe, veuse moi afectada pola ruptura do seu canal habitual de distribución”

– Como afrontou a Asociación de empresarios de Redondela a situación provocada pola Covid-19?

Desde a Asociación de Empresarios de Redondela realizamos un gran esforzo por manternos ao lado do sector empresarial ao que representamos informando e ofrecendo apoio en consultas e trámites. O gran volume de información xerado supuxo un traballo extra continuado, de forma telemática durante as primeiras semanas pero ese apoio implicou pronto a necesidade de volver a actividade presencial para tarefas como o reparto de máscaras nun momento no que o mercado estaba desabastecido.

Un 40% das empresas mantivo a súa actividade, porcentaxe que caeu ata un 25% nas semanas nas que se decretou o permiso retribuído recuperable, polo que sempre foi preciso manter a actividade.

Esta actitude de servizo puxo de forma inesperada en valor a propia entidade, producíndose o achegamento á Asociación por parte de moitas empresas que non foran asociadas ata ese momento.

Desde a entidade traballouse nun plan para desenvolver en colaboración coa Administración local, participando nunha mesa de reactivación económica constituída para dar resposta a situación de crise xerada pola pandemia da COVID-19.

Tamén foi preciso realizar cambio organizativos, reunións por vídeo conferencias, tanto da xunta directiva como coas distintas comisións sectoriais.

– A casuística de cada negocio e cada sector é diferente, agora que entramos na Fase 1, cales decidiron abrir e cales permanecen pechados?

Durante a fase un o comercio retallista volveu a actividade con unha boa acollida por parte do público. Para preparar es apertura a entidade puxo en marcha un Market Place para facilitar a dotación de material de seguridade aos establecementos comerciais e estableceu procedementos de atención ao público e carteleira informativa para preparar a apertura. A hixienización de mans a o uso de mascaras durante o proceso de compra foron implantados no comercio local antes da súa obrigatoriedade.

A actividade hostalaría que abriu na fase 1 na localidade apenas acada o 30% dos establecementos. As condicións de reapertura, con terrazas ao 50% non fan viable a actividade polo que o sector prefire manter aos empregados en ERTE e non abrir en perdas. So un pequeno porcentaxe, no que polas súa características é posible unha ampliación da terraza decide abrir de novo.


– É posible que algúns dos negocios non volvan a abrir as súas portas?

Esta crise fai vaticinar unha aceleración das xubilacións, no mellor dos casos poderá haber traspasos pero para outros suporá o peche. O sector hostaleiro será  previsiblemente máis castigado, e en xeral os establecementos de hospedaxe da localidade que vivían case exclusivamente da peregrinación esperan en branco a volta a actividade.

– Centrándonos na hostalaría e aqueles outros negocios que dependen do produto do mar para a súa reactivación, como están vivindo esta fase?

A economía extractiva da localidade, baseada case exclusivamente na captura de choco e o marisqueo a pe, veuse moi afectada pola ruptura do seu canal habitual de distribución. A caída da demanda foránea e o peche do sector hostaleiro, principais demandantes destes produtos do mar, supuxo un gran problema en plena tempada de captura do Choco. A suspensión da festa de exaltación gastronómica do Choco afectaron tanto ao sector hostaleiro como ao sector extractivo.

 

– Un dos principais retos do comercio local será trasladar confianza aos consumidores para que teñan a seguridade de que poden acudir aos establecementos coas máximas garantías. Neste sentido, que accións e/ou medidas tomáronse desde a Asociación de empresarios de Redondela?

O establecemento dun protocolo de compras seguras foi unha das medidas postas en marcha pola entidade para garantir a seguridade no comercio local. Este tipo de establecemento ten a  capacidade de configurarse como o mellor garante de seguridade, os procesos de compra sen aglomeracións, a compra de proximidade son factores que diminúe os riscos de transmisión.

Adicionalmente, a entidade tamén está a traballar na dixitalización de servizos ao obxecto de que o sector comercial poida saír reforzado desta crise, acelerando a súa dixitalización.

– Manter os niveis de hixiene esixidos e traballar con máscara ou EPI, coas luvas, tendo conta de limpar as mans… Resulta complexo adaptarse ás novas medidas?

Un dos sectores que se vai a ver máis afectado polo protocolos de seguridade e hixiene será o hostaleiro. Esta medidas suporán un custo adicional na prestación do servizo que, sen dúbida, terá una repercusión dos prezos.

Esta situación de sobre custe na prestación do servizo afecta tamén a outras actividades, que suporán no curto prazo un maior prezo.

As medidas de seguridade para os traballadores obrigan, especialmente no sector industrial, a realizar máis períodos de descanso para evitar problemas asociados ao uso dos EPIS.

– A Covid19 paralizou a práctica totalidade do comercio de proximidade pero, ao mesmo tempo, supuxo un auxe para as compras por internet. Crees que chegou o momento de que o pequeno comercio comece a mirar as TIC con outros ollos?

Esta crise puxo o pe enriba do acelerador da dixitalización de forma moi contundente é o sector está a reaccionar este sentido. Pero o certo é que estamos a notar unha falta de equipamento adecuado para o uso de ferramentas dixitais o que tamén leva asociado a necesidade de realizar novas inversións en equipamento informático por parte do pequeno comercio.

O comercio está máis receptivo, pero terá que realizar inversións para poder asumir os retos desta nova etapa máis dixital e desenvolver a súa actividade de forma mais conectada.

– Dende a Asociación de empresarios de Redondela valorades apostar polas vendas a través da web e dar servizo a domicilio levando a compra ata o consumidor?

Dende a Asociación vimos apostando pola omnicanalidade e dende a formación e o asesoramento ata o desenvolvemento de plataformas de venta online veñen sendo vías de traballo xa habituais que agora se aceleran e que previsiblemente no curto prazo xa as teñamos plenamente instauradas.

– Cales son as vosas sensacións para os próximos meses? E as estratexias?

A entidade está a reorganizar toda a actividade que se viña realizando durante todo o ano con moitas actividades de promoción e animación que neste exercicio non realizaremos, a aposta será por dixitalizar as accións de promoción e os propios servizos que presta a Asociación.

– O mar é importante para a economía da zona. Cal pensas que é a súa achega máis importante para a contorna da ría de Vigo e o tecido socioeconómico?

Na zona de Redondela é preciso realizar un análise da cadea de valor do seu produto bandeira, o Choco, e buscar formulas capaces de xerar maior valor engadido no ámbito local xa que ata o de agora a maior parte xerase fora o territorio. A forte vinculación territorial do Choco con Redondela, repítese con outros produtos e con outras localidades na ría de Vigo e polo tanto será esta unha estratexia que se pode replicar en toda a comarca.