Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro Sur participa na VII edición do Festival Mar de Mares financiando unhas xornadas inspiradoras nos centros escolares da comarca

  • As charlas “Oficios do mar” pretenden atraer aos mozos e mozas ao mundo do mar co obxectivo de buscar relevo profesional no sector
  • O groso do festival está previsto entre o 24 e 27 de setembro, pero os encontros nos colexios poden celebrarse ata decembro, previa solicitude en info@festivalmardemares.org
 

Sada, 3 de setembro de 2020.- O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur participa un ano máis no Festival Mar de Mares e nesta VII edición faino presentando os Oficios do mar á mocidade dos centros educativos da comarca.

O GALP Golfo Ártabro Sur participa na VII edición do Festival Mar de Mares financiando unhas xornadas inspiradoras nos centros escolares da comarca 2

O Galp Golfo Ártabro Sur financia unhas novas xornadas inspiradoras tituladas Oficios do mar coas que se pretende atraer aos mozos e mozas a este mundo, na busca de relevo xeracional.

O groso do festival, presentado esta mañá na Fundación Paideia, terá lugar entre os días 24 e 27 de setembro na cidade da Coruña, pero estas charlas celebraranse entre setembro e decembro nos centros educativos que o soliciten dos concellos de Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros Sada. Os interesados poden solicitar xa estas sesións gratuítas destinadas a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos a través da dirección de correo info@festivalmardemares.org.

Os centros escolares poderán elixir entre tres encontros diferentes: Ciencia e mar, na que un biólogo mariño ou oceanógrafo será o relator, Mulleres e mar, cunha profesional que resaltará o papel das mulleres nun mundo tradicionalmente masculino, e Emprendemento e mar, unha sesión que estará centrada no mar como espazo para iniciar proxectos profesionais de futuro.

A intención das charlas é ofrecer un intercambio de ideas enriquecedor para os máis novos e achegarlles os distintos e variados oficios vinculados á pesca e, en xeral, ao mundo do mar (turismo, ocio, investigación…).

Así, esta iniciativa coincide na filosofía do programa Relevo2020, un proxecto de colaboración entre cinco GALP da provincia (GALP A Mariña-Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e GALP Ría de Arousa) que busca o relevo xeracional no sector pesqueiro mediante a capacitación da mocidade a través da formación e o coñecemento dos recursos dos territorios.

O obxectivo final é crear un sector pesqueiro e do mar máis profesionalizado, innovador e igualitario, cun relevo xeracional asegurado.