
O pasado 10 de setembro, Nacho, estudante do Ciclo Superior de Transporte Marítimo e Pesca de Altura, participou nun embarque formativo en Mugardos a bordo do Hijos de Demetrio, unha embarcación de artes menores patroneada por Óscar.
Durante a xornada, centrada no marisqueo da ameixa, Nacho puido coñecer desde dentro como se desenvolve o traballo a bordo e compartir a experiencia cun profesional do sector, achegando así a formación á realidade diaria da actividade pesqueira.
Tras o embarque, Nacho destacou a importancia de coñecer directamente aos profesionais e animou a outros mozos e mozas interesados no sector a probar unha experiencia deste tipo, aínda que sexa unha vez, para descubrir como é realmente o traballo no mar.
A actividade forma parte de “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, proxecto de cooperación no que participa o GALP Golfo Ártabro Norte, impulsado conxuntamente polos oito GALP de Galicia e coa colaboración do GALP do País Vasco.
O proxecto busca achegar a mocidade aos oficios do mar e favorecer o relevo xeracional no sector marítimo-pesqueiro, promovendo experiencias que permitan coñecer as súas profesións e oportunidades laborais desde unha perspectiva práctica e próxima.

