
O GALP Golfo Ártabro Norte promove a exposición itinerante «A miña peixeira e máis eu», unha actividade incluída no seu Plan de Animación 2026 que pon en valor o comercio local e a tradición mariñeira a través da creatividade do alumnado.
A mostra reúne debuxos e colaxes presentados ao certame escolar, acompañados de aparellos de pesca e marisqueo achegados polas Confrarías de Pescadores de Ferrol, Mugardos e Pontedeume.
O percorrido comezou no Espazo Gastronómico da Peixería de Ucha, en Ferrol, onde a exposición pode visitarse ata o 12 de novembro. Posteriormente, trasladarase ao Mercado Municipal de Mugardos, do 16 ao 23 de novembro, e ao Mercado de Pontedeume, do 24 ao 30 de novembro.
Na iniciativa participaron os centros CEE Terra de Ferrol, CPR San Rosendo, CEIP de Esteiro e CEIP Juan de Lángara, de Ferrol; CEIP Unión Mugardesa, de Mugardos; e CEIP Plurilingüe de Andrade, de Pontedeume. A mostra conta tamén coa candidatura espontánea do Estudo de Susana Bermejo, con alumnado do CPR San Rosendo, CPR Jesús Maestro e CEIP Cruceiro de Canido.
A actividade conta coa colaboración dos Concellos de Ferrol, Mugardos e Pontedeume, das confrarías destas localidades e da empresa local Galatea Ferrol SL.
A través desta exposición, o GALP achega á cidadanía a visión da infancia sobre o sector pesqueiro e marisqueiro e contribúe á valorización dos mercados, dos oficios do mar e do produto local.


