Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O programa Relevo celebra en Rianxo a primeira xornada informativa da súa segunda edición

Xornada do programa Relevo en Rianxo

 

O GALP Ría de Arousa, celebrou este xoves, no Concello de Rianxo, a primeira xornada de formación e divulgación da campaña “Xeración Relevo” no territorio da Arousa. Neste momento xa son 50 os centros de ensino inscritos nesta iniciativa e máis de 2.000 escolares.

A segunda edición do programa Relevo busca achegar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola ao alumnado de 4º de E.S.O., a fin de que coñeza as saídas profesionais e todo o que este sector lle ofrece na nosa comunidade.

Presentación da campaña Relevo en Rianxo

Momento da presentación en Rianxo

Está desenvolvido polo GALP Ría de Arousa, xunto cos GALP Ría de Pontevedra, GALP Ría de Vigo A Guarda, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Golfo Artabro Norte e GALP A Mariña-Ortegal.

Os principais obxectivos

Se ben a finalidade principal é trasladar á mocidade o que debe facer e estudar para entrar a formar parte do sector e constituír o verdadeiro relevo xeracional, tamén hai outros obxectivos complementarios. Entre eles, poñer en valor o sector pesqueiro entre a comunidade escolar en idade de traballar ou de escoller estudos superiores, valorizar o sector pesqueiro en termos económicos e ofrecer unha formación máis cuantitativa, que incida nas oportunidades laborais.

Contidos e actividades

O proxecto desenvolverase nos diferentes IES participantes especialmente para alumnado de 4º de E.S.O., pola súa proximidade á idade activa laboral. Divídese en tres bloques principais de contidos: pesca e acuicultura; transformación e comercialización e turismo e deportes naúticos.

Dentro de cada un destes bloques haberá unha serie de contidos que se abordarán de xeito ameno e dinámico nas aulas, ben a través de sesión de formación e divulgación ou ben mediante a visita de diferentes persoas profesionais do sector, que servirán de referentes e achegarán información sobre os postos laborais con maior empregabilidade neste momento.

Como colofón á participación no proxecto, e para complementar a formación e información recibida, o alumnado que así o desexe terá a posibilidade, sempre que o permitan as correspondentes autorizacións, de optar a unha praza de embarque nun buque de pesca real, coa finalidade de coñecer e vivir a experiencia en primeira persoa do traballo do mar en Galicia.

Equipo docente

O equipo de docentes está formado por profesionais do eido da oceanografía e con ampla experiencia na realización de actividades e iniciativas de formación e divulgación científica sobre o medio mariño e o sector pesqueiro, destinados a centros educativos.

Ademais, debido ás actuacións contempladas (sesións nos centros de ensino, visitas, etc.) contarase na súa execución con profesionais do sector, así como con entidades de relevancia dentro do ámbito pesqueiro e da formación, que achegarán a súa experiencia e profesionalidade en beneficio do alumnado participante.