Misión, visión e valores da EDLP
Misión: a misión é a meta xeral que actuará como referente último da actuación da entidade.
O GALP Ría de Arousa pretende mellorar as condicións de vida das persoas do seu territorio, revitalizando ao sector pesqueiro, preservando o equilibrio medioambiental da zona e poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural.
Visión: a visión é, en esencia, unha imaxe que se proxecta no futuro que se desexa para o GALP. É un factor utópico “ideal” que empurra a organización a actuar dunha maneira integrada.
O GALP Ría de Arousa quere ser un referente na dinamización do sector pesqueiro e do territorio á hora de promover iniciativas de desenvolvemento sostible deste, garantindo tamén a gobernanza e a participación activa de entidades.
Valores: calquera organización que promove iniciativas de carácter público ou privado ten como base unha serie de valores, que son un elemento central que artella a definición das súas estratexias. Estes son inherentes ás organizacións, pero tamén son unha determinada maneira de xestionar procesos.
O GALP asume como propios os seguintes valores:
- A importancia de manter un sector pesqueiro forte e cohesionado no territorio, no que se reforce a súa gobernanza e se aposte por un uso sostible dos recursos pesqueiros e o medio mariño, que permita poder “vivir do mar”.
- A singularidade e a calidade dos produtos vinculados á zona marítima da Ría de Arousa e a necesidade de procesos de innovación que contribúan a mellorar o seu aproveitamento.
- A cooperación entre as actividades pesqueiras e turísticas, como unha vía de diversificación da economía local, na que se reforce a aposta polos produtos da zona, cun fortalecemento da rendibilidade para ambos.
- A xeración de emprego, como principal preocupación, con atención especial ao sector pesqueiro, ás mulleres e á mocidade.
- O principio de desenvolvemento sostible no uso dos recursos naturais presentes no territorio, co obxectivo de conservar a súa riqueza para as futuras xeracións.
- O reforzo da identidade social da zona costeira, a través da conservación e valorización da riqueza patrimonial.
- A cooperación e participación como ferramentas que reforcen a cohesión social do territorio.
- A “accesibilidade” e a “integración social” de todas as persoas, co impulso dun amplo marco para a súa efectividade.