Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra súmase como entidade colaboradora ao proxecto PLATAFORMA MARNOBA

Trátase de primeiro GALP galego en adscribirse a esta iniciativa da Asociación Vertidos Cero

O GALP Ría de Pontevedra é o primeiro Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) da nosa comunidade autónoma en sumarse como entidade colaboradora á plataforma MARNOBA, proxecto da Asociación Vertidos Cero distinguido con premios nacionais e internacionais.

A Asociación de Vertidos Cero xurde da necesidade de facer partícipe ao conxunto da cidadanía da problemática xerada polos vertidos sobre o entorno e a calidade de vida das persoas. Esta entidade sen ánimo de lucro busca xerar unha conciencia social encamiñada cara a prevención, minimización e eliminación dos vertidos, mediante a realización de actuacións concretas. Nesta liña de traballo destaca a plataforma MARNOBA activa desde 2013 e para a que se desenvolveu unha aplicación móbil: a app MARNOBA, unha ferramenta gratuíta que axuda a catalogar os lixos mariños na costa, praias, flotantes e fondos; contabilizándoos e identificándoos. A app representa a información recollida por persoas voluntarias e entidades colaboradoras no denominado visor MARNOBA.

O GALP Ría de Pontevedra colaborou coa plataforma MARNOBA en 2019 a través do proxecto de educación ambiental, divulgación e ciencia cidadá Amar o Mar: Ría de Pontevedra sen Plásticos que involucrou á comunidade escolar na posta en valor, conservación e coñecemento do patrimonio natural e cultural vinculado ao mar, especialmente as praias.

No programa participaron 231 escolares, mestres, nais e pais, de seis colexios, un por cada concello da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra. A actividade consistía nunha charla de sensibilización, un xogo acorde a temática tratada e a limpeza dunha praia onde os escolares separaron e contabilizaron o lixo mariño atopado seguindo o protocolo da plataforma MARNOBRA.

Como parte da posta en marcha da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), que ten entre os seus obxectivos impulsar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas de influencia do GALP, así como a mitigación do cambio climático e a contribución á concienciación cidadá deses ámbitos, pretende continuarse nos vindeiros anos coa iniciativa Amar o Mar iniciada en 2019. A incorporación pois do GALP Ría de Pontevedra como colaboradora da Plataforma MARNOBA está en total consonancia cos obxectivos da EDLP.