Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Os GALP galegos impulsan o diálogo sobre o futuro do Turismo Mariñeiro en Noia coa súa xornada técnica Pesca&Turismo

  • O GALP Ría de Pontevedra é o responsable de coordinar o proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca&Turismo

O Casino de Noia acollerá o próximo 12 de decembro Xornada Técnica Pesca&Turismo, un encontro que reunirá profesionais do mar, representantes das administracións e persoal técnico nun debate aberto sobre o futuro do turismo mariñeiro en Galicia. A actividade desenvolverase en horario de 10:00 a 17:00 horas e forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos.

A iniciativa pretende consolidar un espazo estable de diálogo e coordinación institucional que permita avanzar na profesionalización das actividades de pesca turismo e turismo mariñeiro, consideradas unha vía estratéxica para a diversificación económica das comunidades costeiras.

Un sector en transformación

Ao longo da xornada analizaranse os principais retos que afronta o sector para desenvolver experiencias turísticas seguras, atractivas e sostibles. Entre eles destacan: a adaptación das embarcacións e o cumprimento das esixencias técnicas; os modelos de comercialización máis adecuados; a creación de produtos turísticos diferenciados; e a necesaria cooperación entre profesionais, confrarías e administracións.

Participarán persoas expertas, representantes de entidades pesqueiras e responsables públicos, que exporán casos prácticos, avances normativos e experiencias de éxito xa implementadas en outros puntos da costa galega.

No marco do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo

A Xornada Técnica forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, unha iniciativa de cooperación impulsada polos oito GALP de Galicia e coordinada polo GALP Ría de Pontevedra. O obxectivo é expandir á costa galega o modelo posto en marcha anteriormente con Mar das Illas, que formou máis de 250 profesionais e permitiu o nacemento de experiencias pioneiras en turismo mariñeiro.

Mar e Rías aposta por reforzar a capacitación do sector, promover o emprendemento e acompañar ás persoas profesionais na creación de produtos turísticos sólidos, seguros e capaces de xerar novas oportunidades de futuro.

Unha cita para o sector pesqueiro galego

A xornada está dirixida a profesionais da pesca e do marisqueo, confrarías, entidades do sector, persoal técnico e representantes das administracións vinculadas aos ámbitos marítimo-pesqueiro e turístico. A organización subliña que se trata dun momento clave para seguir construíndo un modelo galego de pesca turismo que combine diversificación, sustentabilidade e posta en valor do patrimonio mariñeiro.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 10 de decembro a través do formulario de inscrición ou enviando un correo electrónico a pescaeturismo.gal@gmail.com.

O proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) nun 70% e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia nun 30%.