Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Pablo vive a súa primeira experiencia profesional no mar da man do proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar

 

O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” completa un novo fito na  Ría de Pontevedra coa celebración do primeiro dos embarques formativos previstos nos oito territorios GALP de Galicia. O protagonista desta primeira experiencia foi Pablo, alumno do CPR Sagrado Corazón de Placeres, quen tivo a oportunidade de embarcar no Abuelo Sebas para coñecer desde dentro o día a día da pesca artesanal con nasas.

Pablo é un enamorado do traballo no mar e o proxecto Relevo Xeracional deulle a oportunidade de coñecer máis polo miudo os oficios do sector. Ao longo deste curso participou nas sesións desenvolvidas nas Aulas do centro escolar como na visita ao Porto de Marín e Aixola ao abeiro do proxecto Relevo xeracional. Parte deste proxecto foi un reto aos alumnos para que fixeran un vídeo – traballo sobre a súa vinculación co mar que serviulle a Pablo para  gañar unha estancia na Illa de Ons nun fin de semana convivindo con outros rapaces da súa idade de toda a costa galega coas súas mesmas inquedanzas.

Outra das propostas do proxecto Relevo Xeracional para que as mozas e mozos coñezan os oficios do mar foi ofrecerlles un embarque nunha xornada de pesca que organizouse coa colaboración do sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra. Dende o GALP en colaboración con Mar Seguro de Galicia propúxose a embarcación con base en Combarro Abuelo Sebas que conta na súa tripulación con un exemplo tamén de incorporación da mocidade ao sector.

Durante a xornada, puido observar como se levantan as nasas, como se extraen as capturas e como se preparan de novo para volver ao mar, ademais de coñecer de primeira man os detalles dunha técnica baseada na experiencia e no coñecemento do medio mariño.

O que máis me gustou foi aprender sobre esta arte de pesca. Vimos como se sacaban as capturas, como se volvían a iscar as nasas e o patrón foi explicando datos moi interesantes sobre esta técnica”, sinala.

A experiencia reforzou aínda máis o seu interese polo sector marítimo-pesqueiro, aínda que recoñece que ten un maiore interese pola pesca de altura.

Paréceme un sector moi interesante e con futuro. Gustaríame traballar nel e animaría a máis xente nova a coñecelo e a valorar as oportunidades que ofrece”, afirma.

Os embarques constitúen unha das accións centrais do proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, impulsado polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia co obxectivo de achegar a mocidade ás profesións do mar, fomentar o relevo xeracional e dar a coñecer as oportunidades formativas e laborais que ofrece o sector marítimo-pesqueiro.

Tras esta primeira experiencia na Ría de Pontevedra, o programa continuará desenvolvéndose nos restantes territorios GALP de Galicia, permitindo que novos estudantes vivan de primeira man a realidade das profesións vinculadas ao mar.