
- O Espazo Emprendedor do Parque Azul acollerá os días 2, 9, 16 e 23 de outubro catro sesións gratuítas para aprender a incorporar os produtos do mar a unha alimentación saudable
- A iniciativa desembarca en Marín despois do seu paso por Pontevedra e Poio, consolidando un ciclo que achega os produtos do mar á cociña
Coñecer o produto, aprender a escollelo e conservalo e, finalmente, levalo aos fogóns. O produto do mar será o protagonista este outubro en Marín coa chegada do II Obradoiro de nutrición e cociña con produtos do mar, unha iniciativa do GALP Ría de Pontevedra que propón descubrir dunha maneira práctica todo o que o peixe e o marisco poden achegar á alimentación diaria.
Despois de pasar este ano por Pontevedra e Poio, o ciclo chega agora a Marín cunha proposta que vai máis alá de aprender novas receitas. O obxectivo é proporcionar á cidadanía ferramentas para coñecer mellor os produtos que chegan do mar, entender o seu valor nutricional e descubrir formas sinxelas de incorporalos a unha dieta equilibrada, reforzando ao mesmo tempo o consumo de proximidade e o vínculo cos recursos da ría.
O obradoiro desenvolverase no Espazo Emprendedor do Parque Azul de Marín os días 2, 9, 16 e 23 de outubro, en horario de 16:30 a 18:30 horas. A actividade é totalmente gratuíta e as prazas son limitadas, polo que será necesario realizar inscrición previa a través do teléfono 886 21 30 15 ou formulario.
Aprender sobre o produto para sacarlle máis partido
As catro sesións combinarán formación nutricional e práctica culinaria para que os coñecementos adquiridos poidan trasladarse directamente á cociña do día a día.
Na parte teórica abordaranse cuestións como a planificación dunha dieta equilibrada, a selección e correcta conservación dos alimentos ou o valor nutricional do peixe e do marisco. Estes contidos levaranse posteriormente á práctica coa elaboración de diferentes receitas empregando produtos do mar.
De Pontevedra e Poio, agora a Marín
Marín convértese nunha nova parada dun ciclo que o GALP Ría de Pontevedra está levando a diferentes puntos do territorio durante 2026. A segunda edición comezou na Praza de Abastos de Pontevedra, con catro sesións celebradas entre abril e maio, e continuou posteriormente na Casa Rosada de Poio, con outras catro xornadas entre maio e xuño.
A chegada a Marín permite seguir ampliando o alcance dunha iniciativa que conecta alimentación, saúde, gastronomía e produto local, ao tempo que achega á cidadanía a importancia económica, social e cultural dos recursos pesqueiros e marisqueiros da Ría de Pontevedra.
A actividade enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra, dentro do traballo da entidade para promover os produtos pesqueiros locais, dinamizar o territorio e fortalecer a relación entre a cidadanía e o sector marítimo-pesqueiro.
Con iniciativas como esta, o GALP aposta por converter o coñecemento en consumo consciente: coñecer mellor o que ofrece a ría é tamén aprender a valoralo, consumilo e incorporalo á nosa alimentación.

