Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Récord de participación no obradoiro de cociña saudable de Marín organizado polo GALP Ría de Pontevedra

  • Máis dunha vintena de persoas participaron no taller que acolleu o Espazo Emprendedor – Parque Azul durante o mes de novembro

O Obradoiro de nutrición e cociña con produtos do mar organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP) en Marín concluíu cun balance moi positivo e récord de participación. Ante a elevada demanda de inscricións, o número de prazas ampliouse ata as 23 persoas.

O taller, que se desenvolveu durante os venres do mes de novembro no Espazo Emprendedor – Parque Azul, combinou formación teórica sobre nutrición e hábitos alimentarios saudables cunha parte práctica centrada na elaboración de receitas con peixe e marisco de proximidade. A actividade, que contou coa colaboración do Concello de Marín, foi impartida pola empresa pontevedresa Vía Nai.

Ao longo das sesións, as persoas participantes puideron preparar diferentes pratos que demostraron a versatilidade e valor nutricional dos produtos mariños da ría. Entre as receitas elaboradas destacan o arroz, a hamburguesa, o pastel ou a empanada con peixes e mariscos de proximidade.

Esta iniciativa, que tamén se levou a cabo en Poio, enmárcase nas accións que o GALP Ría de Pontevedra promove para fomentar o consumo responsable de produtos locais, impulsar unha alimentación equilibrada e dar visibilidade ao potencial gastronómico do sector pesqueiro da comarca.