Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Costa da Morte realizará unha demostración de cociña en vivo con produto do mar no mercado de Carballo, no marco proxecto de cooperación Pesca Saúde.

 

Dentro do proxecto Pesca Saúde realizarase unha demostración de cociña en vivo no mercado municipal de Carballo o vindeiro xoves, 9 de xullo. Esta sesión de ‘showcooking’,  que terá como protagonistas o peixe e outros produtos do mar, celebraranse a partir das 11:30 h e estará conducida por Miguel Silvarredonda, profesor da Escola de Hostalaría de Carballo cunha larga traxectoria en proxectos de turismo e gastronomía que preparará en vivo diferentes receitas que poderán degustar as persoas asistentes.

As persoas que o desexen poden reservar a súa praza en i.gal/showcooking. Durante estes eventos celebraranse tamén os sorteos de degustacións de produto pesqueiro, entre as persoas que participaran na campaña reunindo os seus tíckets de compra e depositándoos nas urnas de Pesca Saúde.

Ademais, as peixerías seguen a ter un papel protagonista en Pesca Saúde. Máis dun cento de puntos de venda adheridos á campaña e repartidos por toda a costa galega, aceptarán os vales de desconto de 5€, aplicables directamente na compra, que se reparten entre os asistentes nestes eventos. Ademais, amplían o seu prazo de validez ata o vindeiro 31 de xullo.

Dentro do proxecto esta mesma actividade  desenvolverase polo distintos territorios dos GAlps participantes no proxecto. As citas son o martes 7 de xullo, en Sada, na Casa da Cultura «Pintor Lloréns» coa restauradora de A Artesa da Moza Crecha. O mércores 8, na Praza de abastos da Guarda, coa responsable da cociña do restaurante O Cangrexal. O xoves 9  na Praza de abastos de Noia cos cociñeiros de A Casa do Tello e Rosalía. O martes 14, na Praza de abastos de Vilagarcía será o cociñeiro Miguel Mosteiro quen elaborará as súas receitas en vivo. Membros da Escola de cociña «Cousiñas» farán unha demostración o mércores 15 na Praza de abastos de Bueu. Ana Martínez Arruñada, da Escola de Hostalería IES de Foz porá o ramo á programación de ‘showcooking’, o xoves 16, en Viveiro, no local da Asociación Recreativa Cultural O Valado.

Outras actividades do proxecto: Come o mar, come saúde

Outro sector co que estaos a traballar neste  proxecto é o sector da hostalaría, onde coa iniciativa Come o mar, come saúde xa se está a traballar cos restaurantes adheridos na elaboración de menús saudables sempre con produtos pesqueiros locais e de tempada.

E a partir de setembro, poranse en marcha os Obradoiros de Batchcooking. O Batchcooking é un xeito de organizar a cociña da semana consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas. Os obradoiros acompáñanse da publicación dun receitario, que se reparte nos eventos de Pesca Saúde e tamén está dispoñible na web do proxecto.

Os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde

O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.

Por iso, promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica.  A través destas actividades, búscase  por en valor os produtos  do mar, o oficio dos pescadores e mariscadores mediante o fomento do consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.

O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional: conteñen moitos nutrientes esenciais en proporcións axeitadas e con poucas calorías. Proporcionan proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais, e graxas cardiosaudables, ricas en ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA), que o corpo non pode fabricar por si mesmo. Está probado o seu beneficio no sistema cardiovascular, na saúde cerebral e función cognitiva, na saúde ósea e muscular, na inmunidade e no metabolismo.

Quen somos?

No Proxecto Pesca Saúde, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar, participa O GALP Costa da Morte xunto con outros 6 GALP, que cobren unha parte importante do litoral galego: GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, , Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. O proxecto conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, unindo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega  de Saúde Comunitaria 2023-2027.

Máis información en pescasaude.gal