Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Xustificación

Xustificación

O beneficiario deberá acreditar a realización do proxecto e o cumprimento dos requisitos e as condicións que determinaron a concesión da axuda no prazo sinalado na resolución de concesión desta

O beneficiario deberá presentar no rexistro do GALP, no prazo sinalado na resolución de concesión da axuda ou ata o 31 de outubro de cada ano, a seguinte documentación:

a) Escrito no que solicite o pagamento da axuda.

b) Memoria xustificativa da realización do proxecto. Na memoria deben recollerse  os obxectivos acadados. No caso de que se solicite o pagamento final, deberá proporcionarase información sobre os indicadores de resultados previstos no Regulamento n.º 1014/2014.

c) Declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para o mesmo proxecto, segundo o anexo IV da orde de bases reguladoras das axudas (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160609/AnuncioG0427-260516-0001_gl.pdf).

d) Declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario.

e) Relación de facturas nas que se indica o número desta, o nome da empresa emisora e o NIF, e o importe total con desagregación do IVE.

f) Facturas orixinais e fotocopias compulsadas dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios do pagamento das devanditas facturas.

g) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

h) Permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como moi tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

i) No caso dunha actuación que requira proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, o promotor deberá xuntar á primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento por capítulos e da memoria deste. Neste suposto, presentaranse certificacións de obra asinadas polo técnico competente.

j) Na xustificación da adquisición de maquinaria e equipamento deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados, na cal conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

k) Na xustificación da realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén se deben achegar copias se hai edición de libros, folletos, guías etc. Se a subvención se concede para seminarios ou actividades semellantes, entregarase unha copia dos temas tratados e as conclusións.

l) No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá achegarse a documentación acreditativa de que se fai constar a afectación do ben á subvención no rexistro correspondente, como moi tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. O GALP recibirá a documentación xustificativa da execución dos proxectos seleccionados e comprobará que está completa. Ademais, estampará nas facturas o selo do GALP e cotexará as copias.

5. Con anterioridade ao pagamento parcial ou final, o persoal do GALP realizará unha verificación material in situ do investimento realizado na que asegurará a existencia real dos bens obxecto de comprobación, o seu axuste ao proxecto ou memoria valorada, a súa utilidade e funcionamento, a súa coincidencia coa xustificación documental, que o beneficiario cumpre coas normas de publicidade establecidas para o FEMP e cantas comprobacións sexan necesarias en función dos investimentos ou gastos subvencionados.

A acta da verificación material levantarse no prazo máximo de 15 días desde a data límite de xustificación do proxecto.

O persoal do GALP, unha vez verificados os investimentos e os gastos, emitirá unha proposta de certificación que sirve de base para a proposta de pagamento do GALP á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

6. O GALP remitiralle á Consellería do Mar as solicitudes de pagamento dos beneficiarios coa documentación acreditativa do investimento e os pagamentos realizados, xunto cos informes pertinentes.

7. Cada certificación presentada polo GALP á Consellería do Mar deberá ir acompañada dun informe de auditoría que certifique os seguintes puntos:

a) Que as subministracións de bens, as prestacións de servizos e, en xeral, a actividade subvencionada cuxo custo se certifica foron efectivamente realizadas dentro do prazo establecido.

b) Que os gastos declarados en cada certificación son subvencionables, están soportados con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e están pagados.

8. No caso en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de pagamento dos GALP, o servizo competente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro devolveralle o expediente á entidade colaboradora para os efectos de adecuar a proposta de pagamento á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros ou defectos observados.

9. O GALP conservará e custodiará a documentación xustificativa das operacións certificadas e garante que esta será posta á disposición dos órganos de control que a soliciten.

Pagamento, pagamentos parciais e anticipos

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo os proxectos executados.

No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte a aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

2. Poderán realizarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións subvencionadas. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80% da axuda e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. Os pagamentos están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. Por resolución motivada do órgano concedente, e logo da solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50% da subvención para a anualidade nos casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

Garantías

a) Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais nos seguintes supostos:

1º. Anticipos que superen o importe de 18 000 euros.

2º. Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda os 18 000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

b) A garantía constituirase mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito, que deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou que se anticipen, de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás nos casos previstos no artigo 65.4 dese decreto. O aval será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

5. O importe conxunto dos pagamentos parciais e anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da subvención adxudicada, nin superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á realización do obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Modificación da resolución e posibilidade de prórrogas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención relativa á obtención concorrente doutras subvencións e axudas, incumprimento dos prazos de realización das obras, modificacións que afecten o proxecto, variación do orzamento aprobado ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, poderán dar lugar á súa modificación ou á súa revogación.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou a modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser comunicadas polo beneficiario por escrito con anterioridade á súa realización e, con antelación suficiente, ao correspondente GALP que, logo das comprobacións que considere pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que decidirá sobre a súa procedencia.

Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50% do investimento inicialmente aprobado.

3. No caso de axudas para financiar investimentos ou gastos de distinta natureza, a execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordada na resolución de concesión. Non obstante, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e a finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensacións dos importes duns conceptos cos doutros, ata un 15% do investimento.

4. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución, solicitar prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada e o novo cronograma de actuacións.

A entidade colaboradora elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada. No caso de que sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

5. Cando por algún dos motivos recollidos neste artigo, os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.