Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O programa EMBARCA, de apoio ás mulleres que

O programa EMBARCA, de apoio ás mulleres que

emprendan en turismo mariñeiro, chega á Costa da Morte

A Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira vén de poñer en marcha

un programa de asesoramento empresarial. O GALP Costa da Morte celebrará o luns 6

de novembro a primeira sesión de EMBARCA, que asesorará aquelas mulleres do mar e

emprendedoras que queiran desenvolver un proxecto de turismo sostible.

A sede do GALP Costa da Morte (Centro Comarcal de Buño Lg. A Camposa, s/n, Buño, Malpica de

Bergantiños) será o punto de encontro da primeira sesión do programa de promoción de turismo

sostible que se desenvolverá ata maio. O encontro comezará ás 17:00 e rematará ás 19:00.

Calquera muller interesada en inscribirse pode facelo a través da web candieira.net ou chamando

ao teléfono 981 707 378.

Seguindo as liñas xerais do proxecto pero adaptándose ao territorio do GALP Costa da Morte, que

abrangue os concellos de A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo,

Camariñas e Muxía, nesta zona acompañarase a aquelas mulleres do mar ou emprendedoras que

queiran levar a cabo iniciativas turísticas diversas articulando unha promoción conxunta, que

presente o destino turístico como un destino atractivo, cunha oferta de calidade.

O programa EMBARCA nesta zona abrangue unha serie de pasos que desembocan na posta en

marcha dun prototipo ou maqueta da iniciativa. Candieira guiará ás participantes durante varias

sesións, ata maio, probando como funciona desde un punto de vista innovador, explorando a

clientela, deseñando como se pode dar a coñecer e como facelo viable, e testando o servizo.

Traballarase con traballadoras do mar que amosarán o seu traballo e con emprendedoras que

queren impulsar novas iniciativas e con iniciativas que xa están funcionando no territorio.

Seguindo a estela dos talleres de ideas celebrados ao longo da costa galega o pasado verán,

mulleres do mar e emprendedoras de toda a costa galega recibirán asesoramento á hora de poñer

en marcha iniciativas empresariais ou asociativas baixo a tutela de Candieira, a Rede de apoio e

promoción das mulleres do mar da que forman parte seis Grupos de Acción Local do Sector

Pesqueiro.

Trátase dun programa dobre, aberto e de balde, que brinda asesoramento a mulleres con

proxectos emprendedores (programa EMBARCA), por unha banda, e, por outra, proporciona as

ferramentas precisas para levar a cabo iniciativas de asociacionismo das mulleres do mar

(programa ALIADAS). EMBARCA e ALIADAS -que chegará nas vindeiras semanas tamén á Costa da

Morte- buscan reforzar e mellorar a capacitación en cuestións de emprendemento e nos ámbitos

organizativo, laboral e persoal.