Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Dinamizar Impulso de proxectos do sector pesqueiro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

O pasado luns tivo lugar en Ferrol un encontro dinamizador co sector pesqueiro  do GALP Golfo Ártabro Norte                            

O Antigo Hospicio Municipal de Ferrol acolleu un encontro de traballo no que o principal obxectivo foi o de dinamizar a xeración de proxectos por parte de empresas e entidades desta zona costeira, para seren financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

O acto inaugural destas xornadas contou con Maite Deus Trasobares, 2ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Promoción Económica e turismo do Concello de Ferrol e o presidente do GALP Golfo Ártabro Norte, José Manuel Fernández Lage (Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Miño)

Participaron no mesmo, dúas promotoras de proxectos: Cristina de “Algas La Patrona”, de Cambados, e Verónica Rodil Lozano de “Conservas Faro de Burela”, que expuxeron como foi a súa experiencia na posta en marcha dos seus negocios, que foron financiados con estes fondos FEMP. Algas La Patrona, de Cambados, traballa no procesado, transformación e comercialización de algas salgadas e deshidratadas, atendendo a novas pautas de consumo de produtos do mar. Neste proxecto financiáronse o acondicionamento do local e diversos equipamentos. Faro de Burela procede dunha familia que se adica ao comercio maiorista de peixes e aposta pola elaboración de conservas artesanais, tendo como produto estrela o bonito. Ambas promotoras destacaron a importancia que ten a atención ás redes sociais, como un medio máis para favorecer o coñecemento e a comercialización dos seus negocios e produtos. Para ambas iniciativas, a axuda do GALP foi decisiva á hora de poñer en marcha os proxectos, xa que senón sería moi complexo afrontar unha inversión tan elevada.

Despois destas presentacións, o público asistente participou nun debate no que se deu resposta a todas as dúbidas relacionadas co procedemento de axudas que xestiona o GALP. A respecto disto sinalouse a importancia que ten o deseño do proxecto para a súa presentación e o cumprimento de todos os requisitos que se esixen para ser beneficiarias da axuda.                                                                                                     

Impulso de proxectos do sector pesqueiro 

No marco do proxecto de dinamización do sector pesqueiro, encontros como o que tivo lugar en Ferrol o pasado luns pretenden animar aos colectivos do sector pesqueiro á presentación de iniciativas no marco do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestiona para este ámbito territorial o GALP Golfo Ártabro Norte (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne).

Presentar experiencias de proxectos promovidos polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, e aclarar as dúbidas para a convocatoria 2021 que xa está aberta e da que remata o prazo de presentación de solicitudes o 1 de marzo de 2021, foron os principais temas que se trataron na reunión que se celebrou onte en Ferrol.

O GALP Golfo Ártabro Norte puxo os seus medios a disposición dos potenciais promotores, para que estes poidan consultar calquera dúbida que teñan á hora de presentar un proxecto. Lembróuselles que os que teñan xa un idea de proxecto, xa seria necesario ir traballando nos mesmos para non esgotar o prazo de presentación.