Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Arousa lanza unha nova edición do programa “O Sal do Mar” para o apoderamento das mulleres do sector

Programa O Sal do Mar 2021 lanzamento

 

O GALP Ría de Arousa continúa co seu compromiso por promover a igualdade de xénero no sector do mar. Por iso, pon en marcha unha nova edición do programa de dinamización O Sal do Mar, dirixido ao apoderamento das mulleres do mar e ao recoñecemento social do seu traballo.

No marco desta campaña, que este ano se denominará O Sal do Mar. Avanzar compartindo, celebraranse nos vindeiros meses catro xornadas nas que as mulleres deste ámbito serán as protagonistas: elas mesmas, co apoio do GALP, falarán das experiencias profesionais e das iniciativas que foron desenvolvendo nos últimos tempos, de aí o lema desta edición “Avanzar compartindo”. As xornadas prepararanse mediante reunións en liña, o que reforzará o traballo en equipo e as habilidades dixitais adquiridas polas mulleres en anteriores edicións.

Nestas catro xornadas, que se desenvolverán entre xuño e xullo, levaranse ao debate público catro temas de interese para as profesionais do sector, ás que se convida a participar independentemente do seu eido de actividade:

  • 30 de xuño, de 18:00 a 19:30 h / Compartindo experiencias no mar. Lugar: Confraría de Cambados.

  • 6 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / As mulleres rañeiras: escoitando a súa voz. Lugar: Centro Social Cabo de Cruz.

  • 21 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A economía circular: coidando do noso mar. Lugar: Confraría de Cambados.

  • 28 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A bioloxía das mulleres: problemáticas e solucións dos nosos ciclos biolóxicos no desempeño profesional. Lugar: Centro Social de Escarabote (Boiro).

Despois do verán, o 22 de setembro ás 18:00 h, terá lugar, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, unha xornada final, na que se poñerán en valor as conclusións das xornadas anteriores, e establecerase un debate no que comezar a recoller os retos e as liñas mestras das accións de igualdade que pode incorporar o GALP Ría de Arousa no seguinte período.

Así será a primeira xornada

Na xornada do 30 de xuño, na que María José Vales e Rosa Carballo, como presidenta e xerente do GALP, respectivamente, darán a benvida ás asistentes, desenvolverase unha conversa entre mulleres que, dende as súas profesións, decidiron mostrar os traballos do mar en distintos formatos (televisión, xornadas para grupos de turistas ou escolares, ou a través das redes sociais), co obxectivo de dar a coñecer ao público en que consiste o seu traballo e o das súas compañeiras.

A través desta conversa, Marisa Seco, Obdulia Piñeiro e María Fontán compartirán as dificultades para dar o paso e falar en público, as estratexias que puxeron en práctica para superar eses medos, a resposta que obtiveron por parte da xente, e as anécdotas que foron vivindo polo camiño. As mulleres interesadas en participar nestas xornadas, poden poñerse en contacto co GALP no correo electrónico dinamizacionmulleresarousa@gmail.com ou no teléfono 627 096 062.

Balance de 2020

Na pasada edición, decenas de mulleres participaron en cada unha das xornadas, tanto nas de formación como nas informativas, e medio cento sumouse á xornada final, que contou coa asistencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen enxalzou o importante labor do GALP na visibilización das profesionais do sector.

Un dos aspectos clave deste programa de dinamización é que as mulleres participantes asumen o protagonismo, pois son elas as que propoñen os contidos e expoñen as súas experiencias. Ademais, todas as xornadas serven para, posteriormente, poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos.

En Galicia dedícanse ao marisqueo a pé máis de 2.600 mulleres e outras 1.100 pertencen ao sector acuícola, das que arredor de 700 traballan no sector do mexillón. A elas súmanse preto de 500 profesionais embarcadas en buques pesqueiros e centos de traballadoras dos sectores conserveiro e dos produtos do mar conxelados. Unhas cifras que dan mostra da importancia que a muller ten no eido marítimo-pesqueiro da comunidade galega.