
O GALP Ría de Arousa celebrou, na Confraría de Cambados a primeira das catro xornadas do programa O Sal do Mar, coas que procura impulsar o apoderamento das mulleres do mar e o recoñecemento social do seu traballo.
Nesta sesión, asistimos a unha conversa entre tres mulleres, Marisa Seco, Obdulia Piñeiro e María Fontán, que compartiron as súas experiencias en torno ás dificultades para dar o paso e falar en público, as estratexias que puxeron en práctica para superar eses medos, a resposta que obtiveron por parte da xente e as anécdotas que foron vivindo polo camiño.
A xornada, á que asistiron unha trintena de mulleres, foi moi participativa e nela tamén fixo as súas achegas a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. Ademais, agradecemos a presenza e participación de Fátima Abal, alcaldesa do Concello de Cambados, así como do patrón maior de Cambados, Ruperto Costa.
Próximas xornadas
No marco desta campaña, que este ano se denomina O Sal do Mar. Avanzar compartindo, celébranse varias xornadas nas que as mulleres deste ámbito son as protagonistas: elas mesmas, co apoio do GALP, falan das experiencias profesionais e das iniciativas que foron desenvolvendo nos últimos tempos, de aí o lema desta edición “Avanzar compartindo”. As xornadas prepáranse mediante reunións en liña, o que reforza o traballo en equipo e as habilidades dixitais adquiridas polas mulleres en anteriores edicións.
As próximas xornadas serán:
-
6 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / As mulleres rañeiras: escoitando a súa voz. Lugar: Centro Social Cabo de Cruz.
-
21 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A economía circular: coidando do noso mar. Lugar: Confraría de Cambados.
-
28 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A bioloxía das mulleres: problemáticas e solucións dos nosos ciclos biolóxicos no desempeño profesional. Lugar: Centro Social de Escarabote (Boiro).
Despois do verán, o 22 de setembro ás 18:00 h, terá lugar, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, unha xornada final, na que se poñerán en valor as conclusións das xornadas anteriores, e establecerase un debate no que comezar a recoller os retos e as liñas mestras das accións de igualdade que pode incorporar o GALP Ría de Arousa no seguinte período.