Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Anfitrións do Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030

 Xunto con Golfo Ártabro Norte acollemos unha mesa participativa na que se recolleu información para incorporar ao documento

O Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 é unha folla de ruta a través da que se definirán os compromisos, as liñas políticas e as iniciativas a adoptar para protexer e promocionar o patrimonio marítimo da comunidade.

Esta iniciativa é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Mar coa Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC), co obxectivo de redactar un documento base do plan no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023, así como os pasos a seguir nos seguintes anos.

Actualmente, está en marcha a primeira das seis fases que comprenderán o proxecto. Nesta etapa inicial lévase a cabo unha investigación para acadar un diagnóstico concreto da cultura e o mar, así como crear os grupos de expertos e os de traballo para identificar e redactar as liñas de actuación por eixos estratéxicos. A mesa participativa que o pasado xoves 21 acollemos o GALP Golfo Ártabro Sur e o Golfo Ártabro Norte na Casa do Pescador de Miño forma parte desta fase de traballo de campo por diferentes puntos da costa galega.

O resto de fases consistirán na elaboración dun documento marco preliminar e lanzamento do plan, seguimento e realización de accións, coordinación dos efectos das accións e das necesidades e actualización e reflexión. 

Informantes 2.0
Na páxina web https://www.udc.es/planculturamaritima calquera persoa pode aportar a súa opinión, bagaxe ou experiencia e axudar a preservar mellor o patrimonio e a cultura marítima que ten máis próximos. Neste sentido, a Consellería do Mar anima aos expertos do sector marítimo-pesqueiro, as xentes do mar e as principais asociacións da cultura marítima, así como calquera axente da sociedade, a facer as súas achegas para ter un plan o máis completo posible.