
O obxectivo principal de PescaConCiencia foi contribuír á adaptación do sector para os efectos do cambio climático. Para isto, na primeira fase, levouse a cabo un mapeo dos principais grupos de investigación das tres universidades galegas e centros de investigación que tivesen proxectos en activo sobre pesca artesanal e cambio climático en Galicia. Este mapeo permitiu vincular a investigadores referentes da Universidade de Santiago (Sebastián Villasante e Pablo Pita de EqualSea Lab), da Universidade de Coruña (Rodolfo Barreiro do Grupo BIOCOST), da Universidade de Vigo (Emilio Fernández do Grupo de Oceanografía Biolóxica; Elsa Vázquez e Celia Olabarría do Grupo ECOcost; Irene Afasto do Departamento de Xeociencias mariñas), así como o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC-IEO de Vigo (Alexandre Alonso do Grupo de Ecoloxía Pesqueira), o IEO de Vigo (Beatriz Reguera e Francisco Rodríguez do Grupo de Floracións de Algas Nocivas) e IEO de Coruña (Manuel Ruiz e Gonzalo González do Grupo de Modelización de Ecosistema Costeiro) e do Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa.
Así mesmo, o proxecto, levou a cabo un estudo de percepción do sector sobre vulnerabilidade ao cambio climático coa participación de máis de 300 representantes. De forma paralela, celebráronse 7 talleres divulgativos sobre cambio climático e pesca artesanal nos que diferentes investigadores contaron a estado da arte das investigacións sobre pesca artesanal e cambio climático en Galicia.
O último paso do proxecto foi a organización do Foro “Alianza por un futuro sostible” no que se continuou rompendo barreiras entre ambos os sectores, para compartir coñecemento, e necesidades para identificar liñas de traballo conxuntas que contribúan a fortalecer o sector fronte aos retos e adversidades que presenta o cambio climático.
Liñas de actuación identificadas
En total, no foro identificáronse 16 liñas de actuación que inclúen desde a necesidade de actualizar ou desenvolver novos estudos ecolóxicos e socioeconómicos específicos para diferentes pesqueiras, estudos piloto sobre recrutamento larvario ante os efectos do cambio climático considerando o efecto de sementes naturais e de cultivo; a necesidade de mellorar a información pública sobre eventos de floracións de microalgas tóxicas, incluíndo o avance en modelos preditivos e boletíns informativos; o desenvolvemento dunha base de datos de pescadores e mariscadoras para convocatoria de mesas de traballo consolidado nunha rede estable con investigadores e representantes do sector; o deseño dun proxecto sobre monitorización e prevención de arribazones de algas en parques marisqueos así como o deseño de tecnoloxías que faciliten a limpeza de parques e a valorización de arribazóns.
Desta forma, o evento de peche de PescaConCiencia construíu un escenario de unión no que os traballadores do mar se coordinaron para identificar e priorizar medidas, accións e proxectos que contribúen a fortalecer o sector e a orientar a investigación cara a unha ciencia aplicada e responsable.