Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O alumnado de RELEVO2020 do GALP Golfo Ártabro Sur finaliza a súa formación cunha visita á Escola Náutica de Ferrol

O programa de capacitación en busca do relevo xeracional no sector pesqueiro está chegando á súa fin con encontros empresariais e visitas experienciais.

As sesións presenciais do programa finalizarán a próxima semana e para rematar as actuacións previstas, tamén está pendente unha visita á Escola Náutica de Ferrol que terá lugar este martes 1 de xuño en horario de mañá. Os asistentes do GALP Golfo Ártabro Sur compartirán xornada, novamente, co alumnado dos GALP A Mariña Ortegal e GALP Golfo Ártabro Norte.

Así mesmo, o alumnado ten que elaborar un traballo final teórico co que optará, ante un xurado, a unha viaxe ao País Vasco.

Aprendendo da experiencia

O pasado martes 25, o alumnado deste segunda edición de Relevo2020 estivo compartindo toda a xornada na zona de Arousa, concretamente en Rianxo, co alumnado dos cinco GALP participantes e con persoas de diferentes entidades que colaboran na iniciativa.

A xornada transcurriu nun encontro de mañá coas empresas de turismo activo e de educación ambiental Intramar e Piragüílla Ocio e Aventura para dar paso, en quenda de tarde, ao Consello Regulador Mexillón de Galicia, Aspromeri – unha asociación bateeira- e co centro de formación Gastrolab Arousa. O grupo de participantes, moitos deles traballadores, emprendedores ou con idea de iniciar un novo negocio, compartiu curiosidades, dúbidas e inquietudes cos relatores.

Ademais mantivéronse encontros coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, ou coa bióloga da Confraría de Miño, Maite Fernández. Tamén se realizaron visitas experienciais a empresas como o complexo turístico After Surf, en Oleiros, que recibiu unha subvención do GALP Golfo Ártabro Sur, ou ao grupo familiar J.J. Chicolino de Boiro, a petición do alumnado.