Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

​ “Todos e todas no grupo nos esforzamos e nos reinventamos un pouco e, a verdade, saíu bastante ben”

O grupo Isaac Lema, formado por Subastas FaraldoIsaac Lema Pescaderías e Congelados la Naviera, é un exemplo de que con traballo e esforzo todo é posible. E por iso se suman á campaña “Queda co noso mar”, para contarnos como conseguiron saír exitosos da crise do COVID-19 e como ven o futuro do sector pesqueiro. Unha visión de futuro moi importante e moi a ter en conta a desta empresa, cuxas premisas son a innovación e a calidade.

Moi atentos/as!

  1. Como vivistes no grupo a situación provocada polo COVID-19? Como a vedes agora?

Cando se decretou o Estado de Alarma o que fixemos foi mandar a traballar dende a casa a toda a xente que non era imprescindible fisicamente na empresa.

Por outro lado, como unha parte dos clientes correspóndese co sector da hostalaría e esa xente si que parou, o que fixemos foi poñer máis esforzo nas áreas comerciais (Carrefour, Alimerka, etc.) e nos mercados centrais, para recuperar esa parte da venda que estabamos perdendo. Todo o equipo se esforzou moito, os comerciais de conxelado recicláronse e venderon pescado fresco; a xente de sala, que normalmente empaca pescados finos para restaurantes ou distribuidores de restaurantes, púxose aos empaques de pescados para plataformas; os da oficina estaban conectados dende moi cedo e nós mandabámoslle unha foto da compra e xa entraban por remoto; o responsable de comunicación, durante o confinamento, empezou a montar unha páxina de venta online para produtos nosos como peixes do día, polbo da costa da ría sen aditivos nin auga, que xa está lista e sairá estes días. Todos e todas no grupo nos esforzamos e nos reinventamos un pouco e, a verdade, saíu bastante ben; perdemos un pouco de facturación por todos eses clientes de restauración, pero foi unha porcentaxe moi pequena con respecto ao ano pasado.

Agora xa estamos na última fase e, aínda que unhas semanas traballouse máis e outras menos, en ningún momento se parou de todo, nin fixemos ningún ERTE, nin despedimos a ninguén. Aguantamos con toda a plantilla e a xente foi facendo o imposible por traballar. Eu estou contento, dounos a todo o grupo unha boa puntuación.

  1. Tivestes suficiente abastecemento de produto?

Houbo un par de semanas nas que foi máis complicado, porque algúns barcos deixaron de saír por medo a non poder vender nas lonxas. Na lonxa da Coruña, por exemplo, só podía entrar un comprador cando normalmente entramos 4 ou 5 e os recolledores; tampouco se podía retirar a mercadoría ata as 7 da mañá, e isto retrasaba a preparación do peixe, a carga e a compra. Foron semanas algo complicadas. Nós como compramos en moitas lonxas de por aquí, ao final, a falta que tiñamos nunha emendabámola en outra.

Fomos facendo todo o posible por traballar, sobre todo porque unha gran parte do persoal ten familias que ao mellor estaban na casa con un ERTE e pedíannos seguir traballando.

  1. Atopástesvos con problemas para poder comercializalo? E con problemas de prezos?

Para comercializar non, en algún momento tivemos algún problema en canto a compras, recepcións e entregas, pero foron casos puntuais emendábeis.

En prezos si que nos atopamos con diferenzas grandes. Na primeira semana de confinamento, como todo isto era novo e había moita incerteza houbo días en que moitos barcos pararon, porque tiñan medo de non vender nas lonxas, e o peixe disparouse de prezos. Logo, a medida que se ía “normalizando” a situación, os barcos comezaron a saír de novo, pero como unha parte do sector estaba cerrada, os prezos caeron a un 50% do seu prezo real. Foron días nos que as empresas de conxelados aproveitamso para conxelar, máis que nada para que os barcos puideran sacar a mercancía e seguir saíndo.

  1. Notastes algún cambio nas tendencias de consumo? Cales foron as especies mais demandadas?

Un cambio bastante grande. Non hai moitos meses, un rodaballo da costa do día de 6-8 quilos había pelexas por el e, chegamos ao confinamento e como hostalaría estaba pechada e é quen soe comprar este tipo de peixes, ninguén os quería, non había mercado para eles. Nós na lonxa compramos como empresa de frescos (Isaac Lema Pescaderías) e vímonos obrigados a comprar este tipo de peixes a prezos máis baixos do normal e a buscarlles mercado, porque os barcos que viñan a vender á poxa, ao final, son clientes de todo o ano.

O que fixemos foi venderllos a empresas que teñen peixerías de moito “caché”, que teñen moi bo pescado, como Pescaderías Coruñesas de Madrid, Pescaderías Mayol en Mallorca ou La Estrella en Málaga, para que eles o puideran vender ao corte en lugar de como peza enteira. A verdade é que nos axudaron moito tamén, porque son peixes que non se soen levar para o corte porque teñen moita merma ao cortalo, pero fixeron un pequeno esforzo e nós tamén.

  1. Incrementouse o consumo de peixe conxelado fronte ao peixe fresco?

Non sabería dicirche, eu penso que estivo bastante igualado, porque en conxelados varios distribuidores estiveron parados pero, por outro lado, algúns distribuidores maioristas levaron máis mercadoría do habitual e collemos novos clientes;  en canto a fresco, estaban parados os de restauración, pero tamén levaron máis cantidade de pescado as áreas comerciais. O que faltou nun lado aumentouse por outro.

  1. Como foi a situación en canto á exportación e importación de peixe e marisco?

De cara ao exterior a situación estivo moi mal, porque en Italia temos varios clientes importantes e a situación estaban peor que aquí, entón vendemos moi pouco. O mesmo con Francia e Portugal. Fixemos todo practicamente mercado nacional.

  1. Como foi a vosa situación en canto a EPI’s e medidas de seguridade?

Eu penso que foi tan complicada coma a de todas as empresas. O problema máis grande foi ter acceso a mascarillas, guantes e xeles ao principio. De feito, nas primeiras semanas de confinamento, nós compramos mascarillas e dosificadores de xel automáticos dos de poñer na parede; as mascarillas chegaron hai unhas semanas e, os dosificadores, aínda están pendentes de chegar.

Nós fomos resolvendo ben, por sorte, porque na fábrica xa usamos mascarillas e guantes sempre, entón o que fixemos foi collelas de aí e levalas para o resto das empresas. Tivemos un pouco de falta de guantes dos de látex, chegamos a collelos do botiquín, tiramos de onde puidemos.

  1. Tedes algún protocolo establecido de cara á “nova normalidade”?

Si, en Congelados La Naviera temos unha bióloga de sala que é quen vai marcando as pautas a seguir e a operativa de traballo nas tres empresas. Ela estivo sempre na fábrica ou no porto controlando aos seus compañeiros e compañeiras e repartindo os EPI’s.

  1. Cres que se adoptaron as medidas necesarias para frear esta situación?

Eu, sentíndoo moitísimo, diría que non. Creo que calquera empresa privada xestionou mellor as súas posibilidades do que se xestionaron dende as institucións. Todo o mundo foi adaptándose e buscando posibilidades de traballo e intentando que a xente traballara dende a casa. O mesmo coas medidas de seguridade, fomos buscando alternativas onde puidemos, xestionando o que tiñamos, facendo xeles caseiros con alcohol, etc. E a xestión publica foi bastante inferior, ou polo menos, é o que percibimos dende a empresa.

  1. Que cres que se podería facer para mellorar a situación?

Si eu fora a persoa que tivera que tomar as medidas de seguridade, o que faría ao principios de todo sería buscar a forma de que a xente tivera suficientes víveres para estar confinada dúas semanas, sen ningún tipo de actividade e sen saír a nada. Porque, se o virus tarta dúas semanas en aparecer, nesas dúas semanas descubriríanse todos os casos. Algunhas persoas necesitarían ir ao hospital e outras terían que confinarse ata estar ben, pero terías unha solución sen ter que parar o país tres meses. É a miña maneira de velo dentro da miña ignorancia, porque ao final, non son médico.

  1. Como a ves de cara a un futuro próximo?

Se non se fai un control exhaustivo da poboación seguiremos tendo brotes. As únicas opcións serían un confinamento total ou un control con test total.

En tema económico, deberían darse máis facilidades ás empresas. Nós temos empresas moi grandes que nos pediron aprazamentos en pagos mentres preparaban as liñas ICO. O problema virá agora, porque as empresas usarán esa liquidez para pagar todo o que teñen pendente destes meses, porque a seguridade social e os créditos seguíronse pagando durante todo este tempo. Este ano debía ter 11 meses. Tampouco tiñan que perdoar nada pero se ti tes unha hipoteca, podes pagar 11 mensualidades este ano e en vez de acabar de pagala en novembro do 2035, acabas en decembro. Eu creo que foi unha mala xestión.

  1. Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un despois no funcionamento sector?

Sen ningunha dúbida. Xa partindo da base de que o sector pesqueiro de aquí está moi castigado, con todo isto houbo moitos barcos que non traballaron e moita xente que amarrou. Neste país hai unha forza pesqueira enorme, moito máis que no resto de países de Europa, en cambio reparten as cotas dunha forma que non ten sentido. Eu coñezo xente con un barco de 25 metros, con 11-13 persoas a bordo e con xente traballando tamén en terra (como persoal de ventas ou redeiras) e con unha cota de pescada de 30.000 quilos ao ano, como moito. Bota contas, se o prezo medio de venta pode ser duns 3-5 euros, o que están propoñendo é que un barco desas características facture ao ano, como moito, uns 150.000 euros, non dan nin para o gasóleo. Aínda encima, cada dous por tres, chega o barco ao peirao e teñen inspectores, nós vemos iso a diario e non ten lóxica ningunha. Moitísima xente ten os barcos á venda agora, ao ritmo que vamos penso que imos perder moitísima frota.

  1. Como ves o futuro do sector?

Eu vexo que nós temos unha empresa de pescado fresco; punteira; na que sempre buscamos o máximo da calidade, de chegar o peixe á terra ás 3-4 de hoxe e mañá ás 9 da mañá telo en calquera punto de España, de feito déronnos un premio por isto, recoñecéronnos o mérito; sen embargo, o que vemos é que, ou nos reciclamos cara un peixe de menos calidade e traemos produtos doutros puntos de Europa ou de Marrocos, ou imos perder moita clientela por non poder atendela.

En ocasións fíxonos falta pescado para algún evento grande e tivemos que comprala fora, pero é que non é o mesmo e a xente quéixase, porque chega con 2 ou 3 días de ruta e a calidade non é a mesma. En Noruega, por exemplo, presumen moito do seu pescado e a nós non nos vale, porque a forma de traballalo deles é moi diferente á forma de traballalo aquí. Aquí nun barco do día, o peixe chega a bordo, ábrese, límpase, métese nunha caixa de plástico e automaticamente métese nun frigorífico con xeo e frío, manipúlase ben, non se golpea e o peixe está vivo. En cambio, neses países traballan distinto, eu non seo onde o gardan no barco, pero golpéano moito e cando chega á terra vai dando rolos de maneira automática por cintas pola nave. Cando colles ese peixe telo que coller con catro mans porque non se aguanta, o de aquí cóllelo con unha man e aguanta dereito, porque non perde a dureza da morte.

Veste impotente porque se os barcos de aquí non poden pescalo polas cotas que teñen, tes que traelo de outro sitio, pero de outro sitio non nos vale.  En Isaac Lema Pescaderías imos perder mercado seguro, porque non imos ter o produto que necesitamos, de feito, a idea de montar Congelados La Naviera foi por iso, para poder comprar produto bo, do día, conxelalo e vendelo durante todo o ano. Fixemos agora unha liña de polbo da ría do día por todo iso, empezamos a comprar algunha partida de polbo para conxelar e ter nós, os/as empregados/as e as familias, e un día plantexámonos facelo de cara ao mercado e démoslle unhas pezas a probar a varios clientes e encantoulle a todo o mundo. A moita xente ata lle explicamos como cociñalo: aquí as avoas méteno 20 minutos a ferver e logo apagan e déixano dentro da auga outros 20 minutos, sae espectacular. Entón estamos seguindo esta liña, polbo da ría que lle compramos a barcos que traballan con nós e o levamos directamente a limpar e conxelar. Queremos que sexa un produto de calidade, sen químicas nin auga, un produto natural, que a xente poida comprar con confianza e a un prezo igual.

  1. En canto ao futuro do sector, cres que podemos falar dun sector pesqueiro 5.0?

Eu penso que si, por exemplo, a administración obrigou aos barcos a poñerse un pouco ao día en tecnoloxía, xa levan programas a bordo para saber onde están e as capturas que fan e tamén foron metendo mellores ondas, radares, etc. E en canto á venda de pescado online, é máis difícil, porque á xente gústalle ir ao mercado e que o seu peixeiro ou peixeira de confianza lle aconselle, pero con esta situación si que é verdade que aumentou a venda online e a xente foise atrevendo máis. Eu penso que para nós non vai a ser unha canle de venta importante, porque nos diriximos máis a maioristas, facémolo máis ben para ter presenza online e que a xente nos coñeza. Pero si que penso que para outras moitas empresas pode ser un mercado en auxe agora mesmo e importante a ter en conta.

  1. E xa para rematar, hai algo que quixeras comentar en especial?

Este é un mercado moi bonito e no que podes reinventarte cada día. Nós sempre estamos buscando novos proxectos. Agora estamos montando unha empresa en África para buscar produtos de alí que nos interesen vender aquí e, ao mesmo tempo, poder conxelar peixes de aquí para vender alí cando hai baixóns no mercado.

Tamén dicir que é moi importante valorar o produto e todo o que temos aquí. Eu cando viaxo a fóra fágoo sempre por traballo, pero cando teño vacacións gústame quedar por aquí e seguir descubrindo as marabillas que temos en canto a gastronomía, paisaxes, pobos, xente, etc.