Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Representantes sectoriais do Golfo Ártabro Norte, reúnense na Casa do Pescador en Miño para avaliar a estratexia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo

Entidades socias do GALP valoraron o traballo desenvolto na xestión do Fondo e marcaron prioridades para o que queda de período.

Todos os sectores coincidiron na necesidade de reforzar a dinamización do sector pesqueiro e procurar unha maior colaboración entre as institucións e entidades da zona costeira.

Representantes das mesas sectoriais que forman parte do GALP Golfo Ártabro Norte reuníronse o martes 22 de outubro en Miño para traballar na avaliación da estratexia e definir pautas para optimizar a xestión do programa de axudas, no que resta do período de fondos.

Pola mañá celebrouse a reunión da mesa do sector público na que estiveron presentes alcaldes, concelleiros e técnicos locais de oito dos concellos desta zona costeira. Dende os concellos fíxose unha valoración positiva do traballo desenvolto ata a data, comentando a necesidade de dinamizar ao tecido económico local para favorecer o emprendemento de pequenos negocios no conxunto dos concellos. Tamén se resaltou como reto a desenvolver o de cooperar co sector pesqueiro na promoción de proxectos, continuando coa labor de promoción e divulgación do Fondo.

A reunión do sector pesqueiro, centrou o debate nas dificultades que atravesa o mesmo para afrontar a posta en marcha dos proxectos. A redución de capturas que está sufrindo unha boa parte dos bancos marisqueiros da ría ferrolá e as dificultades para o financiamento de proxectos, lastran a presentación de solicitudes de axuda ao programa que xestiona o GALP. Sumado a isto considérase que hai que seguir esforzándose por incrementar a divulgación das axudas entre o conxunto de persoas que traballan no marisqueo e na pesca.

A última mesa en desenvolverse foi a do sector social e empresarial, na que participaron varias entidades do empresariado de Ferrolterra, entidades náutico-deportivas, de turismo, veciñais e do ámbito social. Dende o ámbito empresarial considerouse que o Fondo pode ser unha ferramenta moi útil para poñer en marcha proxectos de viveiros empresariais ou espazos de networking que axuden a persoas emprendedoras de negocios nesta zona costeira. Existe unha demanda importante de espazo e calquera iniciativa que axude á creación de emprego é moi importante para toda a comarca de Ferrolterra.