
A Praza de Abastos de Bueu acolleu este mércores unha nova actividade do proxecto Pesca Saúde, reunindo a máis de 20 persoas nunha demostración de cociña en vivo centrada na promoción do consumo de peixe e marisco galegos como base dunha alimentación saudable.
A sesión, impartida por profesionais da Escola de Cociña Cousiñas, permitiu ás persoas asistentes descubrir receitas sinxelas, saborosas e equilibradas elaboradas con produtos do mar de proximidade, ao tempo que coñeceron técnicas culinarias para incorporar estes alimentos con maior frecuencia á dieta diaria.
Durante a actividade púxose en valor o importante papel que desempeñan os produtos pesqueiros na alimentación grazas ao seu elevado valor nutricional. O peixe e o marisco constitúen unha fonte de proteínas de alta calidade, ácidos graxos omega-3, vitaminas e minerais esenciais, cuxo consumo regular contribúe á prevención de enfermidades cardiovasculares, ao correcto funcionamento do sistema nervioso e ao mantemento dunha dieta equilibrada.
Ademais da demostración gastronómica, o encontro serviu para dar a coñecer os obxectivos de Pesca Saúde, un proxecto de cooperación impulsado por sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia que busca fomentar hábitos de vida saudables a través do consumo de produtos pesqueiros locais e de tempada, ao tempo que promove o apoio ao sector pesqueiro e ás peixerías de proximidade.
As persoas participantes tiveron tamén a oportunidade de coñecer o resto de iniciativas incluídas na campaña, como os descontos para a compra de peixe e marisco nos establecementos adheridos, os sorteos de degustacións de produtos pesqueiros e os futuros obradoiros de batch cooking, que se desenvolverán a partir do mes de setembro.
Con esta actividade, o GALP Ría de Pontevedra continúa contribuíndo á difusión dos beneficios nutricionais dos produtos do mar e á sensibilización da cidadanía sobre a importancia de apostar polo consumo responsable, local e sostible, reforzando ao mesmo tempo o vínculo entre saúde, gastronomía e desenvolvemento das comunidades costeiras.
O proxecto Pesca Saúde está financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, a través da Consellería do Mar, e conta coa colaboración da Consellería de Sanidade. A iniciativa reúne aos GALP Ría de Vigo–A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal, co obxectivo de promover unha alimentación saudable baseada no consumo de produtos pesqueiros galegos e contribuír ao desenvolvemento sostible do litoral.

