
A proposta impulsada pola mariscadora Silvia Coba resultou gañadora na categoría de turismo mariñeiro tras a votación das persoas asistentes ao congreso celebrado en Sanxenxo.
A iniciativa «Sente o Mar», promovida por Silvia Coba, mariscadora de Mugardos, no ámbito territorial do GALP Golfo Ártabro Norte, foi recoñecida na categoría de turismo mariñeiro durante o Congreso Internacional de Pesca & Turismo, celebrado en Sanxenxo.
Durante o encontro presentáronse diferentes experiencias relacionadas coa pesca e o turismo. Tras as presentacións, as persoas asistentes participaron nunha votación na que «Sente o Mar» resultou gañadora na súa categoría.
Esta iniciativa, xa posta en marcha en Mugardos, permite achegarse á actividade do marisqueo a pé a través dunha experiencia que combina o coñecemento do medio mariño, as especies da ría, as mareas e o traballo das mariscadoras.
A proposta contribúe así a dar visibilidade á actividade marisqueira e a poñer en valor os coñecementos, as tradicións e o patrimonio cultural vinculados ao sector pesqueiro.
Un resultado do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo
«Sente o Mar» naceu no marco do proxecto de cooperación «Mar e Rías: Pesca & Turismo», no que participan os oito GALP de Galicia, baixo a coordinación do GALP Ría de Pontevedra.
Este proxecto ten como finalidade promover novas oportunidades de diversificación para o sector pesqueiro a través do turismo mariñeiro, mediante actividades de formación, intercambio de experiencias e impulso de iniciativas vinculadas ao mar.
O Congreso Internacional de Pesca&Turismo, no que se produciu o recoñecemento a «Sente o Mar», tamén se desenvolve no marco deste proxecto de cooperación.
A experiencia impulsada por Silvia Coba constitúe un exemplo de como os coñecementos e a experiencia das persoas profesionais do sector poden dar lugar a novas propostas turísticas, contribuíndo á valorización da actividade pesqueira e da cultura mariñeira.
Desde o GALP Golfo Ártabro Norte, entidade participante no proxecto de cooperación, celébrase este recoñecemento a unha iniciativa desenvolvida no seu territorio, que contribúe a dar a coñecer o traballo das mariscadoras de Mugardos e a achegar a cultura mariñeira á sociedade.
Actuación enmarcada no proxecto de cooperación «Mar e Rías: Pesca & Turismo», cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), coa participación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

