
- A Consellería do Mar publica no DOG as bases reguladoras das subvencións para o ano 2026.
- As axudas apoian proxectos que xeren emprego, diversifiquen a economía azul, valoricen o patrimonio mariñeiro e fomenten a cohesión territorial
- O GALP asesorará e acompañará ás persoas e entidades interesadas do seu territorio: Bueu, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo e Meaño
A Consellería do Mar vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se regulan as axudas destinadas a proxectos que se desenvolvan no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo, coñecidas como EDLP, no ámbito dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). Esta nova convocatoria, correspondente ao exercicio orzamentario de 2026, conta cun orzamento total de 6,9 millóns de euros, cofinanciado nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e nun 30 % pola Xunta de Galicia. O prazo para presentar solicitudes é dun mes a partir do día seguinte á publicación da orde.
O desenvolvemento local participativo baséase na implicación directa da sociedade civil, promovendo proxectos que nacen das necesidades e ideas das persoas e entidades que viven e traballan nas zonas costeiras. No caso do GALP Ría de Pontevedra, a convocatoria abrangue os concellos de Bueu, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo e Meaño. A nova orde recolle que os proxectos deben estar aliñados cos obxectivos establecidos na estratexia local e contribuír de xeito claro á mellora económica, ambiental e social do territorio.
As iniciativas que se presenten poderán centrarse en áreas como a valorización dos produtos pesqueiros e acuícolas, a creación de emprego e o relevo xeracional no sector, a promoción da igualdade de xénero, a diversificación da economía azul, a posta en valor do patrimonio cultural mariñeiro e a protección do medio mariño fronte ao cambio climático. Así mesmo, tamén se busca reforzar a gobernanza local e a implicación activa das comunidades costeiras na xestión dos seus recursos. A intensidade da axuda poderá chegar ao 100 % nos casos de proxectos de interese colectivo ou vinculados á pesca artesanal, mentres que para o resto de iniciativas o financiamento público poderá cubrir ata o 50 % do custo total elixible.
As persoas beneficiarias poderán ser empresas, pemes, autónomos e persoas físicas con actividade económica, así como confrarías, asociacións do sector, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais. A convocatoria tamén permite a presentación conxunta de proxectos por parte de varias entidades, fomentando a cooperación territorial e o impacto compartido. En todos os casos, os proxectos deberán ser viables técnica e economicamente, cumprir coa normativa ambiental e sectorial, e estar localizados dentro do ámbito territorial da EDLP do GALP.
Desde o GALP Ría de Pontevedra, que actúa como entidade colaboradora da Consellería do Mar, ofrécese apoio técnico, asesoramento e acompañamento durante todo o proceso de presentación e avaliación dos proxectos. A presidenta do grupo, María del Carmen Vázquez Nores, destacou que esta nova convocatoria representa unha oportunidade para transformar ideas en realidades que impulsen a economía local e reforcen a identidade costeira: “Estamos ante un novo ciclo de investimento que nos permite seguir traballando pola sostibilidade, a cohesión social e a posta en valor do mar como recurso de futuro para a nosa ría”.
Con esta convocatoria, o GALP Ría de Pontevedra reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible do territorio, apostando pola innovación, a participación activa e o respecto polo medio mariño como piares fundamentais dunha economía azul con futuro.

