Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra convida o doutor Jesús Casabiell Pintos a impartir unhas xornadas sobre saúde cardiovascular e consumo de produto pesqueiro

 

O vindeiro mércores 17 de xuño ás 19:00, no Espazo Gastronómico do Mercado Municipal de Pontevedra, terán lugar as xornadas Pesca Saúde. Neste evento, o doutor e investigador experto en nutrición Jesús Casabiell Pintos compartirá co público asistente os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde cardiovascular das persoas.

Jesús Casabiell Pintos é médico, investigador e profesor titular de Fisioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde coordina tamén o Grao en Nutrición e Dietética que se imparte no campus de Lugo.

Que son as Xornadas “Pesca Saúde”
Son xornadas técnicas centradas en diferentes temáticas nas que se conta con profesionais da saúde que expoñen os beneficios do consumo de produto pesqueiro segundo a súa especialidade sanitaria.

A finalidade é divulgar, de maneira clara e rigorosa, os beneficios do consumo de peixe, marisco e outras especies mariñas de proximidade en diferentes ámbitos da saúde, desmontando mitos, achegando evidencias científicas actualizadas.

Vales de desconto, sorteos e demostracións de cociña en directo
No proxecto Pesca Saúde, as peixerías teñen tamén un papel protagonista. En eventos coma estas xornadas repártense vales de desconto de 5€ entre as persoas asistentes, aplicables directamente na compra de produto pesqueiro.

Ademais, ata o 30 de xuño, todas as persoas que reúnan tiques de compra nos establecementos adheridos por un valor total de 60€ ou máis (poden acumularse varios tiques), participarán no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría. O sorteo celebrarase durante os eventos de showcooking (cociña en vivo) que se celebrarán durante o mes de xullo en prazas de abastos dos diferentes GALP de Galicia. As peixerías participantes están identificados co distintivo oficial da campaña.

Próximas actividades: restauración e obradoiros
O seguinte obxectivo do proxecto será o sector da hostelaría, outro dos puntos onde se quere promover a escolla de produto do mar de proximidade. Con este sector traballarase no deseño de menús saudables adaptados a cada restaurante, baseándose sempre en produtos pesqueiros locais e de tempada.

E, tamén neste ano, celebraranse os obradoiros de ‘BatchCooking’. O BatchCooking é unha forma de organizar a cociña da semana: consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas.

Que é Pesca Saúde?
O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.

Por iso, promover o consumo regular de peixe das nosas costas non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica.

A través destas actividades, búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.

Pesca Saúde é unha inciativa financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar, participan 7 GALP, que cobren unha parte importante do litoral galego: GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible. O proxecto conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, unindo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.