Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra presenta en Bueu a convocatoria de axudas para proxectos ligados ao mar

  • A xornada informativa celébrase o vindeiro martes 7 de outubro ás 10:00 horas no Centro Social do Mar

O Centro Social do Mar de Bueu converterase o próximo martes, 7 de outubro, nun espazo de encontro para todas aquelas persoas e entidades que desexen coñecer de primeira man as axudas que xestiona o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra (GALP-RP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. A convocatoria está destinada a apoiar proxectos que impulsen o desenvolvemento sostible da ría e que contribúan a reforzar o papel da pesca artesanal, a diversificación económica e a posta en valor do patrimonio mariñeiro.

A sesión, que dará comezo ás 10:00 horas, está especialmente orientada a empresas, asociacións, colectivos do sector pesqueiro e persoas emprendedoras. O equipo técnico do GALP explicará en detalle as bases reguladoras da convocatoria, resolverá dúbidas sobre os requisitos e prazos e ofrecerá orientación práctica para a definición de proxectos. Ademais, daranse a coñecer exemplos de iniciativas financiadas en anos anteriores que poden servir de guía a novos promotores.

As axudas previstas abranguen diferentes niveis de financiamento: ata o 50 % do investimento no caso de proxectos empresariais e ata o 100 % para iniciativas sen ánimo de lucro ou directamente vinculadas coa pesca costeira artesanal. Desta maneira, preténdese facilitar o acceso a recursos económicos tanto ao tecido empresarial como ao asociativo e comunitario, incentivando propostas diversas que respondan ás necesidades do territorio.

A participación na xornada é gratuíta, mais require inscrición previa a través do seguinte formulario. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co GALP-RP no teléfono 886 213 015.

Con este encontro en Bueu, o GALP Ría de Pontevedra dá continuidade ao seu labor de acompañamento ao tecido social e económico da ría, reforzando a súa aposta por un modelo de desenvolvemento baseado na sostibilidade, na creación de emprego de calidade, no apoio ao papel da muller no sector e na conservación dos recursos mariños.