Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“O mar ten que ser un espazo para todas as persoas”: deporte e inclusión únense en Portonovo para impulsar o futuro da ría

 

  • Clubs náuticos da ría presentan proxectos pioneiros de accesibilidade, sustentabilidade e inclusión
  • “Buscamos actividades que se prolonguen no tempo”: entidades sociais, deportivas e clubs náuticos debaten en Portonovo sobre o acceso universal ao mar
  • O encontro puxo en valor os proxectos apoiados polo GALP Ría de Pontevedra e abriu novas vías de colaboración arredor do deporte náutico

 

 

O Club Náutico de Portonovo acolleu este luns a “Xornada de deportes náuticos e dinamización costeira”, unha iniciativa organizada polo GALP Ría de Pontevedra co obxectivo de crear un espazo de encontro entre entidades deportivas, sociais e vinculadas ao mar para reflexionar sobre como o deporte náutico pode contribuír á dinamización costeira, á inclusión social e á conexión da cidadanía co mar.

A xornada permitiu analizar conxuntamente os proxectos impulsados grazas ás axudas xestionadas polo GALP Ría de Pontevedra a través dos fondos europeos, avaliando os seus resultados, o impacto xerado no territorio e as posibilidades de mellora e continuidade destas iniciativas. Ao mesmo tempo, o encontro favoreceu novas sinerxías entre clubs deportivos e entidades do terceiro sector que traballan con persoas con diversidade funcional, co obxectivo de avanzar cara a un acceso máis inclusivo ás actividades náuticas e ao coñecemento do mar.

Durante a sesión participaron representantes do IMUA Paddle Surf Club Aguete, Club Náutico de Portonovo, Real Club Náutico de Sanxenxo e Club de Piragüismo Portonovo, que compartiron a súa experiencia no desenvolvemento de proxectos deportivos vinculados á dinamización do litoral, á promoción de hábitos de vida saudables e á conexión      da cidadanía co medio mariño.

A xornada contou tamén coa presenza de representantes institucionais do Concello de Sanxenxo e da Consellería do Mar, que destacaron o valor destas iniciativas como exemplo da transversalidade da economía azul, na que conflúen deporte, turismo, sustentabilidade, inclusión social e boas prácticas ambientais.

Desde o GALP Ría de Pontevedra salientouse que, tras varios anos de traballo no territorio, a etapa iniciada en 2023 supón un punto de inflexión pola diversidade e calidade das iniciativas presentadas polas entidades deportivas da ría. Neste sentido, subliñouse que a náutica constitúe unha peza clave para a diversificación económica, o desenvolvemento dunha economía azul sostible e a cohesión social.

“A Ría de Pontevedra reúne unhas condicións privilexiadas para impulsar proxectos vinculados ao mar que contribúan a desestacionalizar o turismo, xerar novas oportunidades e reforzar o vínculo da cidadanía co territorio”, destacouse durante a xornada.

Proxectos que transforman a ría

O Real Club Náutico de Sanxenxo presentou dúas liñas de traballo especialmente relevantes. Por unha banda, un proxecto de transición enerxética que, mediante a instalación de paneis solares e un sistema de aerotermia, permitiu reducir de maneira significativa o consumo enerxético e eliminar a dependencia do gasóleo. Segundo explicou Modesto Prieto, representante da entidade, o club acadou “aforros enerxéticos de ata o 60%” e a climatización do edificio “practicamente sen custo”.

Por outra banda, o club presentou o proxecto “Mar sen Barreiras”, centrado na vela adaptada e na participación de persoas con diversidade funcional. A través desta iniciativa, arredor de 150 persoas participan cada ano en actividades náuticas en colaboración con entidades sociais como COGAMI, reforzando o papel do deporte náutico como ferramenta de inclusión e autonomía.

O Club Náutico de Portonovo, representado por Javier Ruiz de Cortázar, compartiu o proceso de transformación das súas instalacións para avanzar cara a un modelo máis accesible. Entre as melloras realizadas destacan a instalación de sinalética en braille, códigos QR con audioguías, unha plataforma flotante e unha grúa eléctrica para facilitar o acceso ás embarcacións a persoas con mobilidade reducida. Grazas a estas actuacións, a entidade desenvolve actividades como os “bautismos de mar”.

Pola súa banda, o Club de Piragüismo Portonovo presentou o proxecto “Olladas Mariñeiras”, unha iniciativa que achega a ría a escolares, colectivos de mulleres rurais e asociacións como Amizade ou a Asociación Española contra o Cancro. A entidade destacou a importancia de conectar as persoas participantes coa contorna mariñeira e coas actividades profesionais vinculadas ao mar.

O IMUA Paddle Surf Club Aguete puxo en valor o seu traballo como exemplo de dinamización comunitaria e empoderamento feminino. Cunha base social composta maioritariamente por mulleres, o club explicou como as axudas permitiron mellorar os seus equipamentos e impulsar actividades inclusivas con colectivos como a Asociación Síndrome de Down Xuntos e ADICAM. A través do seu “Proxecto Avanza”, a entidade incorporou unha canoa hawaiana, máis estable, que facilita a participación de persoas con diferentes capacidades.

Retos compartidos: burocracia, financiamento e inclusión continuada

Ademais de poñer en valor os proxectos desenvolvidos, a xornada serviu para identificar os principais retos aos que se enfrontan as entidades á hora de impulsar iniciativas vinculadas ao mar.

Representantes dos clubs destacaron que, aínda que as axudas son fundamentais para facer realidade proxectos transformadores, cómpre seguir avanzando na simplificación dos procedementos e na flexibilización de determinadas esixencias. Desde o GALP Ría de Pontevedra recolleuse esta preocupación e explicouse que se está a traballar para facilitar os procesos, por exemplo, mediante fórmulas que permitan acreditar a viabilidade dos proxectos sen esixir toda a carga documental nas fases iniciais.

Outro dos retos sinalados foi a necesidade de avanzar cara a unha inclusión máis estable e continuada. Neste sentido, entidades sociais participantes trasladaron a importancia de ir máis alá de actividades puntuais e promover programas deportivos sostidos no tempo. “Buscamos actividades que se prolonguen no tempo”, apuntouse desde a asociación Amizade, en referencia á posibilidade de crear estruturas máis permanentes para a práctica de deportes náuticos adaptados.

A proposta de impulsar un equipo ou programa de vela adaptada na ría foi acollida con interese polas entidades presentes, que coincidiron na necesidade de seguir explorando alianzas entre clubs, administracións e tecido social para facer do mar un espazo realmente accesible.

Un futuro de alianzas arredor do mar

A xornada concluíu cunha chamada a reforzar a cooperación entre entidades deportivas, sociais e administracións para consolidar a ría como un espazo de cidadanía activa, inclusión e desenvolvemento sostible. O GALP Ría de Pontevedra animou ás entidades a seguir traballando en proxectos conxuntos e a aproveitar as futuras convocatorias de axudas para impulsar iniciativas innovadoras, sostibles e integradoras.

O encontro demostrou que o deporte náutico na Ría de Pontevedra é moito máis ca unha práctica deportiva: é unha ferramenta de cohesión social, saúde, participación cidadá, educación ambiental e dinamización económica. O éxito das experiencias presentadas evidencia o potencial dun modelo baseado na comunidade, na sustentabilidade e na conexión co territorio.