Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Os centros de interpretación de Agrelo e Cabo Udra entran na rede de Espazos museísticos Atlánticos da man do GALP Ría de Pontevedra

A exposición ‘O Océano que nos une’, aberta desde este martes no primeiro andar da Praza de Abastos de Bueu, serve de benvida aos dous centros á REMA, que xa conta con 27 espazos.

O Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo e o Centro de Interpretación da Natureza de Cabo Udra, os dous en Bueu, xa forman parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, unha iniciativa levada a cabo dentro do proxecto Morada Atlántica, no que están involucrados todos os Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia (entre eles o da Ría de Pontevedra), oito portugueses, tres andaluces e un canario.

Así se explicou onte coincidindo coa inauguración da exposición ‘O Océano que nos une’ no primeiro andar da Praza de Abastos de Bueu, e que serve de benvida aos dous centros da localidade a Rede REMA, na que xa hai 27 espazos museísticos de Galicia e Portugal. Ademais, estase a xestionar a adhesión doutros máis en Portugal, Asturias, Andalucía e na Bretaña Francesa.

No acto participaron o coordinador do proxecto Morada Atlántica, Guillermo González (xerente do GALP Costa da Morte), a presidenta e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez e Laura Nieto, e a concelleira de Economía, Emprego, Normalización Lingüística e Turismo de Bueu, Silvia Carballo.

Todos destacaron a importancia que terá para o Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo (que contou con financiamento do GALP Ría de Pontevedra para a súa creación) e o Centro de Interpretación da Natureza de Cabo Udra, a súa inclusión na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos. Formar parte desta rede internacional (xa está incluído o Museu Marítimo de Ílhavo, en Portugal, e agárdase a próxima adhesión de centros da Bretaña Francesa) permitiralles ter unha maior visibilidade noutros espazos museísticos, así como estar nas publicacións de promoción da REMA e participar das súas diferentes actividades e iniciativas conxuntas que poñan en valor a importancia social, educativa, turística e económica de cada museo ou centro, ademais do patrimonio material e inmaterial ligado ao Atlántico.

A exposición, pola súa parte, esta formada por paneis informativos de cada un dos Espazos Museísticos Atlánticos que se foron adherindo nas súas primeiras fases. Trátase dunha mostra itinerante, que xa estivo en Muros, Porto do Son, Baiona, O Grove ou Fisterra desde mediados deste ano, cun éxito reseñable polo interese que espertou entre os veciños e visitantes.

A través dos paneis, os asistentes poderán mergullarse no significado que ten cada un dos museos, así como nos contidos e obxectivos que os caracterizan. A exposición estará aberta no primeiro andar da Praza de Abastos de Bueu ata o día 15 de decembro.