Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Turismo Mariñeiro: vivir o mar en primeira persoa

  • O GALP Ría de Pontevedra conversa cos promotores das seis iniciativas enmarcadas no proxecto de cooperación Mar das Illas.

  • As propostas buscan visibilizar e poñer en valor o traballo dos/as profesionais do mar.

O GALP Ría de Pontevedra promove o proxecto de cooperación Mar das Illas en colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo - A Guarda, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia. A iniciativa, que está financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), ten como obxectivo fomentar a pesca turismo e o turismo mariñeiro desde o sector pesqueiro das Rías Baixas, especialmente no ámbito de influencia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e, actualmente, atópase na súa terceira fase.

Desde o GALP Ría de Pontevedra conversaron cos promotores dos seis proxectos, tres de turismo mariñeiro e tres de pesca turismo, que resultaron seleccionados: Sauro Martínez Durán de Sanxenxo, José Manuel Agulla Piñeiro e Reveca Gago de Bueu, Francisco Javier Costa García de Cangas, Severino Casal Diz de Redondela, Eduardo Martínez Romero de Vilanova de Arousa e Rosa María Millán Romero da Pobra do Caramiñal. Todos eles xa lanzaron a mostra piloto das súas propostas con moi boa acollida. De feito, as iniciativas de Severino Casal e Rosa María Millán, ambas as dúas de turismo mariñeiro de marisqueo a pé, están abertas ao público e funcionando a pleno rendemento.

As experiencias de pesca turismo a bordo dunha embarcación pesqueira serán as primeiras que se comercialicen en Galicia converténdose nun produto innovador e pioneiro na comunidade, amparado pola normativa vixente. As rías de Pontevedra, Arousa e Vigo-A Guarda abrigan estas propostas que buscan poñer en valor o labor dos traballadores e traballadoras do mar, promover o coidado dos recursos, valorizar os produtos da pesca e do marisqueo e situar ao sector como unha saída laboral de futuro para a xente moza.

Orixe: os cursos de formación

Nas pasadas edicións de Mar das Illas formáronse preto de 120 profesionais do mar como Guías Acreditados de Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG (Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia) grazas aos cursos de Iniciación ao Turismo Mariñeiro e de Pesca e Turismo Sostible no ámbito do PNMTIAG. Para participar na fase de titoría foi requisito indispensable que polo menos un dos integrantes do proxecto estivese en posesión do diploma acreditativo.

Foi nestes talleres onde as seis iniciativas atoparon o pulo necesario para saír adiante. Por exemplo, Severino Casal coñeceu ás compañeiras coas que darlle vida a Amarturmar, asociación que actualmente compoñen 12 persoas, na súa maioría mulleres: “Decidimos facer unha asociación de turismo mariñeiro para promocionar a cultura mariñeira”, unha idea que lle andaba pola cabeza a Casal desde facía tempo. “Tiña ganas de ensinar a miña profesión porque parece que non lle damos valor. Cando vivín en Madrid decateime de que a xente valora Galicia, a súa comida, o seu peixe; eu antes de ir para Madrid xa era mariñeiro e volvino ser aquí”, explica. Agora as demais promotoras deste proxecto nado nos primeiros meses do 2019 completarán estes obradoiros que lles serven, segundo Casal, para levar á “práctica no traballo e na miña ría de Vigo”.

Coa mesma inquietude de darlle un “empuxón” ao proxecto que tiñan en mente sobre a divulgación do traballo que realizan os mariscadores e mariscadoras, Rosa María Millán e outras seis persoas anotáronse aos cursos. Todas elas pertencen á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal e constituíron a asociación Mar da Pobra hai pouco máis dun ano. De feito, desde hai tres anos desenvolvían actividades deste tipo da man do Concello da Pobra do Caramiñal.

Sauro Martínez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo, comenta que todo comezou grazas aos cursos. Nesta formación atopou ferramentas e pautas que lle permitiron, xunto a súa tripulación, enfocar adecuadamente un proxecto co que pretende visibilizar a pesca artesanal. “Unha vez que o GALP o puxo andar, todo foi máis fácil”, explica.

Esa mesma achega de asesoramento foi o que animou a Eduardo Martínez a madurar a idea dunha iniciativa de divulgación sobre o proceso de cultivo do mexillón e “ver se a podía facer realidade”, tamén arroupado pola tripulación. “Os cursos axudáronme a explicarlle á xente as cousas un pouquiño mellor, sen dar por feito cousas que para nós, os mariñeiros, son esenciais. Un conta coa súa intención pero non está preparado para isto”, engade.

Os obradoiros tamén permitiron a José Manuel Agulla e a súa compañeira, Reveca Gago, certificar o potencial que ten Bueu e poñer en marcha Bueu, unha vila con alma mariñeira, onte, hoxe e oxalá que sempre: “Coincidiu que a parte práctica do curso fixémola aquí e mirouse que tiña potencial”, conta Agulla.

Pola súa banda, Francisco Javier Costa coñeceu os cursos pola Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas da cal é patrón maior: “Fixemos varios cursos dese tema, con varios niveis, ata sacar o título”. O seu obxectivo era darlle forma a un proxecto de pesca turismo de pesca sostible con palangre que deseñou xunto a súa muller e o seu fillo.

Os proxectos

“Máis que o económico, o que me interesa é dar a coñecer o laboreo e o esforzo que representa o cultivo do mexillón, non é que vaiamos todos os días á batea e collamos mexillóns e os traiamos para terra, hai moito máis detrás”, explica Eduardo Martínez. Un obxectivo no que coinciden cada un dos promotores cos que conversou o GALP da Ría de Pontevedra. E é que, aínda que nalgúns casos estas novas propostas representen un complemento económico, o primordial é visibilizar as profesións do mar e o que representan para a sociedade desde o punto de vista alimentario, medioambiental e económico.

“A idea é potenciar o que é o noso traballo. Lévoos ao peirao onde está atracado o meu barco, explícolles ao que me dedico, como collo as navallas e como as collen, por exemplo, en Holanda, onde dúas empresas explotan toda a navalla. Aquí é moito máis artesanal, collémolas unha a unha”, apunta José Manuel Agulla sobre a pretensión de transmitirlle aos visitantes a súa relación coa baixura que se remonta ao tempo dos seus avós.

Así mesmo, Sauro Martínez busca mostrar as características da pesca artesanal e “o valor engadido” que proporciona; ao igual que Francisco Javier Costa, que quere diferenciala “da industrial, sen discriminar a ningunha, deixando que cada unha ocupe o seu lugar”. Para o patrón maior de Cangas é necesario informar sobre este tipo de pesca de “supervivencia”, e lamenta a falta de relevo xeracional e que “a xente viva de costas ao mar”. “Temos que empezar a mirar ao mar, deunos a vida a moitas vilas de Galicia e seguiránola dando se non faltan os recursos que temos aí”, agrega.

“Sentímonos moi orgullosos do traballo que temos, recoñecemos que é moi duro pero eu non o cambio por nada”, di convencida Rosa María Millán, que lanzou o seu proxecto para “mostrarlle á xente a nosa profesión, o mundo do mar”. Ademais quere aportar o seu gran de area na concienciación da rapazada sobre a importancia de “coidar do que temos” mantendo limpo o océano. Coa mesma vontade de divulgación do marisqueo nace o proxecto de Severino Casal: “O que queremos nas nosas rutas é dar a maior información posible”.

Turismo mariñeiro

Nun primeiro momento, José Manuel Agulla, responsable de Bueu, unha vila con alma mariñeira, onte, hoxe e oxalá que sempre; pensara en realizar unha ruta levando pasaxeiros no seu barco e descubríndolles o seu labor na Ría de Pontevedra, pero finalmente decantouse por deseñar unha visita na que difundir a cultura mariñeira da vila. “Ensinareilles Bueu e como era antigamente mediante unhas imaxes históricas que temos preparadas, tamén as embarcacións tradicionais, as artes que se utilizaban antes, e de aí pasaremos ao peirao para ver os meus barcos e falarlles da miña experiencia”, explica. O percorrido, que tamén incluirá o paso pola lonxa e a praza de abastos, dura unhas dúas horas e nel poderán participar ata 15 persoas.

Os outros dous proxectos de turismo mariñeiro ocúpanse do marisqueo a pé e xa levan un tempo funcionando. Estas iniciativas gozan de boa aceptación entre a comunidade educativa e conectan coa xuventude achegándolles as oportunidades de futuro e benestar que ofrece o sector.

“Primeiro pásaselles un vídeo promocional do Concello e despois veñen á praia, onde lles explicamos algo de teoría sobre ecoloxía, sostibilidade, o que son os moluscos, como é a nosa ría e incidimos na importancia de manter as augas limpas. E na última parte, a xente baixa á auga e fáiselle unha demostración práctica dos aparellos e permíteselles tocalos e, incluso, andar con eles. Todo o que se recolle nesa demostración volve logo ao mar” conta Rosa María Millán. Desta proposta con selo da Pobra do Caramiñal, na que é posible coñecer mellor á ameixa xapónica, fina e babosa, o berberecho e a navalla poden gozar un máximo de 15 persoas por quenda. Ademais dispoñen de cadeiras anfibias. “A xente que se apunta ás visitas está moi interesada. Na primeira visita que fixen, era a unha xente de Madrid, case lle tiven que quitar o rastro da man porque non mo devolvían, estaban encantados”, rememora Millán. A información sobre as rutas que realizan atópase na páxina web do Concello da Pobra do Caramiñal.

No tocante a Amarturmar, Severino Casal convida a explorar a Enseada de San Simón caracterizada polas súas augas calmas, tanto que “ás veces parece un lago”. “A ruta do marisqueo a pé é coas mariscadoras na enseada, nas praias de Cesantes. Ensinámoslles as especies, a diferenciar os mariscos e invitámolos a coller unha sacha ou un rastro”, apunta. A visita, de noventa minutos de duración, permite ver desde como se extrae o carallote (longueirón vello) ou os poliquetos ata observar as ovas dos chocos e, coa marea baixa, a seba (zostera marina), “o prado mariño”. O número de participantes mínimo para realizar a actividade é dez. Pódese consultar na súa páxina web e no seu perfil Facebook para saber das visitas.

Pesca turismo

Sauro Martínez desde Sanxenxo congratúlase do apoio dos GALP para que proxectos innovadores como estes vexan a luz na comunidade galega. No seu barco, Playa de Sanxenxo, poden subir ata catro persoas para acompañalo a el e a súa tripulación durante un anaco da súa xornada de pesca artesanal. “Embarcamos no porto de Sanxenxo para descubrir a pesca artesanal vinculada ao respecto polo medio mariño, unha pesca sostible coa que se obteñen peixes e mariscos dunha extraordinaria calidade e frescura. Coñecerán a pesca coa arte das nasas mentres gozan das paisaxes do arquipélago de Ons (pertencente ao PNMTIAG), Punta de Cabicastro ou a praia de Montalvo e coñecendo os diferentes tipos de fondos mariños e as especies que neles habitan”. A súa proposta é única na zona.

Xa en Vilanova de Arousa, o mexillón é o protagonista da iniciativa de Eduardo Martínez. A súa embarcación artesanal, o Mar-Pra, coa que realiza unha pesca sostible, pode transportar ata catro visitantes que, durante unhas tres horas, aprenderán sobre o cultivo deste molusco. “A miña intención é explicarlles o proceso desde que se recolle nas rochas a cría, a mexilla, ata a comercialización, os destinos que hai e a etiquetaxe”, explica. Trátase dunha aproximación ao proceso do mexillón da man das persoas que o traballan, o cal promove a posta en valor da profesión e do molusco, o primeiro produto do mar da Unión Europea en lograr o selo de Denominación de Orixe Protexida. Con Eduardo tamén descubrirán que na batea non só viven mexillóns, senón que estes xardíns colgantes submarinos atraen a moitos seres vivos como aves, algas o invertebrados mariños.

Como terceiro proxecto de pesca turismo está a experiencia de Francico Javier Costa, patrón maior da Confraría San José de Cangas e guía acreditado en Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG, na que dará a coñecer a súa aposta pola pesca artesanal selectiva e sostible con palangrillo, arte coa que obtén peixe do día de gran talla e dunha máxima calidade. Nunha travesía de catro horas de duración ofrecerá aos catro visitantes unha experiencia única navegando ao pé dos cantís da cara oculta das illas Cíes, descubrindo as furnas e os recunchos menos coñecidos como o illote de Boeiro ou Agüeiro e observando as aves mariñas do arquipélago. Haberá tempo tamén para relaxarse mentres se admira a cara máis amable das illas, coas magníficas dunas de Muxieiro ou a praia de Rodas. Toda unha viaxe que combina aventura, emoción e paixón polo mar e polas Illas Cíes.

Estes seis proxectos permiten que a cidadanía se aproxime á realidade dos traballadores e traballadoras do Atlántico a través de rutas deseñadas e explicadas polos propios profesionais co obxectivo de poñer en valor o seu labor e o das rías como recurso natural, alimentario e fonte económica.